España comeza a aplicar o control sanitario aos voos procedentes da China
España comeza a aplicar o control sanitario aos voos procedentes da China
Equipos de Sanidade Exterior farán comprobación documental, visual e de temperatura
Tamén realizarán probas diagnósticas de infección activa por SARS-CoV-2
España puxo en marcha as medidas de control sanitario á pasaxe dos voos procedentes da China. Segundo informou esta noite o Goberno, equipos de Sanidade Exterior farán probas diagnósticas de infección activa por SARS-CoV-2 e comprobación documental, visual e de temperatura.
O primeiro voo afectado por estas medidas hegará ao Aeroporto Adolfo Suárez Madrid-Barajas ás 18:00 horas e os controis estarán en vigor, inicialmente, ata as 24:00 horas do 15 de febreiro de 2023.
A carteira de Sanidade detallou que no caso de que a proba de infección activa lanzase un resultado positivo, activaranse os protocolos de comunicación e coordinación establecidos cos servizos sanitarios das comunidades autónomas.
A resolución da medida, publicada este sábado no Boletín Oficial do Estado (BOE), tamén prevé a esixencia dun Certificado COVID Dixital da UE (CCD-UE) ou equivalente a todas as persoas que viaxen en voos procedentes da China a partir do 3 de xaneiro.
Certificados de vacinación
Admitiranse os certificados de vacinación que sigan as pautas establecidas na Estratexia de vacinación fronte a covid-19 en España. No caso dun certificado de proba diagnóstica negativa, aceptaranse as de amplificación de ácido nucleico molecular (NAAT) obtidas nas últimas 72 horas.
Tamén se admitirán os test de detección de antíxenos incluídos na lista común acordada polo Comité de Seguridade Sanitaria da Unión Europea, feitos dentro das 24 horas anteriores á saída.
As medidas forman parte do conxunto de accións do Goberno de España, presentado este venres pola ministra de Sanidade, Carolina Darias, ante o aumento da incidencia da pandemia no país asiático e "a necesidade de ampliar a información existente e a capacidade de secuenciación do virus".