España pide o terceiro desembolso dos fondos europeos por 6.000 millóns
España pide o terceiro desembolso dos fondos europeos por 6.000 millóns
A cantidade correspóndese co cumprimento de 29 fitos e obxectivos no primeiro semestre de 2022
España xa recibiu 31.036 millóns dos fondos europeos Next Generation, é é o primeiro Estado que solicita o terceiro pago
O Goberno solicitou formalmente o terceiro desembolso do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia por valor de 6.000 millóns de euros, vinculado ao cumprimento ao longo do primeiro semestre deste ano de 29 fitos e obxectivos (23 fitos e 6 obxectivos).
Coa petición, España convértese no primeiro Estado membro en solicitar o terceiro desembolso e pon de manifesto que é o país máis adiantado na execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR).
A Comisión Europea (CE) disporá dun prazo de dous meses para realizar a análise e comprobación da documentación presentada polo Goberno español para efectuar o desembolso.
Entre os fitos aos que está vinculado este desembolso, o ministerio destacou a reforma da Lei concursal, a Lei relativa ao Sistema Integral de Formación Profesional, a reforma do sistema de cotización á Seguridade Social dos traballadores autónomos, a Lei de medidas de prevención e loita contra a fraude fiscal ou outras reformas que sentan as bases para o desenvolvemento e o impulso de investimentos relacionados con enerxías renovables innovadoras.
Ademais, esta solicitude de pago implica avances en proxectos de I+D+I no sector da automoción, o financiamento de proxectos para o fomento da sustentabilidade e competitividade da agricultura e a gandería, o reforzo da loita contra os incendios forestais ou actuacións para a mellora da taxa de acceso ao ingreso mínimo vital, entre outros fitos e obxectivos.
A avaliación satisfactoria do cumprimento deste paquete de fitos e obxectivos supoñerá o desembolso de 6.000 millóns de euros, que se sumarían aos 31.036 millóns xa obtidos, dos cales, 9.036 millóns recibíronse en concepto de prefinanciamento e 22.000 millóns correspondentes ao primeiro e segundo desembolso.
En caso de obter unha avaliación positiva por parte da Comisión Europea, España xa cumpriría 121 fitos e obxectivos dun total de 416, o que equivalería a case un 30 % do total de fitos e obxectivos.
A solicitude do terceiro desembolso sitúa a España "como o país máis avanzado na despregadura dos fondos", ao ser o primeiro estado membro en pedir tanto o segundo como o terceiro pago á CE. Isto facilitou que a implantación do PRTR collese "velocidade de cruceiro", ao existir xa convocatorias por 11.000 millóns de euros repartidas en 53.600 proxectos. Deste total, 42.000 corresponden a empresas, 5.800 a entidades locais e máis de 2.800 están a ser desenvolvidos por universidades e centros tecnolóxicos.
Os ámbitos dos investimentos van da industria, o comercio e o turismo á dixitalización, o transporte e a mobilidade ou a transición verde e a ciencia e a saúde. O ministerio destacou tamén que as convocatorias mensuais alcanzan xa os 2.000 millóns de euros.
Xa se autorizou case o 80 % dos 22.455 millóns para este ano do Plan de recuperación e, entre 2021 e 2022, a Administración central asignoulles ás comunidades autónomas 19.600 millóns procedentes dos Fondos Next Generation.