Publicador de contidos
Publicador de contidos

España quere exportar a excepción ibérica a toda a Unión Europea

España quere exportar a excepción ibérica a toda a Unión Europea

Levará a proposta á xuntanza do próximo venres entre os ministros de Enerxía dos 27

G24.gal 30/08/2022 20:42

España quere converterse no espello de toda a Unión Europea para conter a escalada de prezos da electricidade. 

Unha vez que Bruxelas aceptou a intervención urxente do mercado enerxético, o Goberno vai impulsar que a excepción ibérica se estenda a toda a Unión Europea. É a proposta que levarán á xuntanza dos 27 fixada para o venres da semana que vén.

Así o confirma Teresa Ribera, vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica: "A nosa proposta é que se estude se esta medida que en España está dando bos resultados desde o 15 de xuño se aplique noutros estados. Hai outras propostas como a compra conxunta de electricidade. É outra opción, e xa funcionou durante a pandemia co material sanitario", di.

A preocupación é evidente en toda Europa. Francia e Alemaña planifican o inverno coa previsión de que haxa restricións de enerxía. España, de momento, non baralla esa opción.

"O impacto da guerra é claro, pero en España non estamos falando de cortes nin de medidas restritivas como están pensando noutros países da Unión Europea", di Nadia Calviño, ministra de Economía.

Alemaña, Italia e Francia son neste momento os países que pagan máis cara a enerxía. Coa excepción ibérica, España e Portugal conseguiron prezos da luz tres veces máis baratos que o resto de socios comunitarios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade