Estabilizado o incendio de Carballeda de Valdeorras tras queimar 10.500 hectáreas
Estabilizado o incendio de Carballeda de Valdeorras tras queimar 10.500 hectáreas
O incendio forestal de Carballeda de Valdeorras, un dos de maior tamaño en Galicia, deuse por estabilizado na noite deste domingo, como informou Medio Rural. O lume mantén en 10.500 hectáreas a superficie afectada por unhas lapas que se iniciaron o 15 de xullo en Riodolas.
O incendio obrigou a activar a situación dúas, medida preventiva por proximidade ás casas, e foi necesario o desaloxo de ata medio milleiro de persoas.
En Lugo, permanece activo o do Courel, con 10.000 hectáreas arrasadas en Folgoso-A Pobra do Brollón e outras 1.100 en Seceda, segundo informa a consellería de Medio Rural.
Están controlados os incendios de Nocedo e Outeiro en Quiroga; estes queimaron 15 e 250 hectáreas, respectivamente.
Nestes momentos soamente hai un lume activo en Ourense, o de Pradoalbar, en Vilariño de Conso, que queimou 6.500 hectáreas, segundo as estimacións provisionais. Este incendio afecta ao Parque Natural do Invernadoiro.
O incendio de Rabal, en Oímbra, xa está controlado. Este lume, que entrou desde Portugal, queimou 370 hectáreas.