Controlado o incendio de Caldas tras queimar 450 hectáreas e boa evolución no resto
Controlado o incendio de Caldas tras queimar 450 hectáreas e boa evolución no resto
As lapas arrasaron 600 hectáreas en Verín, que está estabilizado
Tamén controlados ou extinguidos os lumes na Mezquita, Maceda, Calvos de Randín, Arbo e A Lama
O incendio que comezou no monte Xiabre entre Caldas de Reis e Vilagarcía calcinou 450 hectáreas. Xa está controlado polos servizos de extinción e conta cunha evolución favorable., sen risco para núcleos de poboación.
O lume aproximouse o sábado ás casas en Cea, Castroagudín e Aldea de Arriba, e mesmo houbo algún desaloxo. As brigadas loitaron foco a foco desde o xoves para evitar rebrotes nestes lugares.
O incendio desatado o mércores en Verín xa está estabilizado desde a tarde do sábado, tras queimar unhas 600 hectáreas e chegar ata as casas.
Agora analízase o que pasou e todo apunta a que a sucesión de focos incendiarios executouse de forma claramente intencionada. As primeiras lapas apareceron na zona máis próxima á vila, na área de Santo Antón, en tres ou catro puntos. Un dos lumes afectoulle á planta de Augas de Sousas. Pouco despois xurdían dous focos seguindo a liña da OU-113 no núcleo da Rasela.
Outros incendios
No resto de incendios na provincia de Ourense a evolución é favorable tamén. O da Mezquita, que queimou 150 hectáreas de monte na parroquia do Pereiro, xa está controlado. Nas últimas horas os servizos de extinción controlaron outro lume en Castro de Escuadro, en Maceda, que calcinou 150 hectáreas con tres focos, e extinguiron o que afectaba a Lobás, en Calvos de Randín, que arrasou 50 hectáreas.
Evolucionan tamén ben os dous lumes que se declararan no concello de Arbo, ambos controlados, segundo Medio Rural. Está xa controlado o de Mourentán, que afectou 400 hectáreas e tamén o de Barcela , que entrou desde Portugal e que calcinou algo máis de 80 hectáreas