Estacionamentos rápidos ás portas das farmacias
Estacionamentos rápidos ás portas das farmacias
Os concellos buscan facilitar o acceso á hora de mercar os medicamentos
Ribadeo é un dos concellos que pon en marcha esta iniciativa
"Unha persoa con mobilidade reducida, uns pais cun neno que ven de urxencias e precisa unha medicación rápida... eu moitas veces estaciono no paso de peóns".
É moita a casuística que se dá ás portas das farmacias, e para facilitar o acceso a elas moitos concellos apostan por crear prazas de estacionamento específicas. O último en aprobalo en pleno foi o Concello de Ribadeo.
"Aparcadoiros áxiles onde chegas, recolles o medicamento e continúas. Dámoslle fluidez ao tráfico e servizo ás farmacias locais", explica o alcalde de Ribadeo Daniel Vega.
O obxectivo é facilitar o acceso, pensando especialmente nas persoas con máis dificultades.
"A min paréceme unha idea axeitada pola xente con dificultades de movemento para non ter que vir andando dende onde atopen para estacionar", sinala o farmacéutico Andrés Díaz.
Coa iniciativa xa aprobada, tocará agora sinalizar as zonas, pero a idea xa é celebrada entre os veciños.
"Eu creo que está ben porque hai xente que lle custa traballo baixar".
"Moi ben, que hai farmacias onde non podes estacionar e tes que ir buscar unha caixa grande e non tes sitio".
Reservarán unha praza por farmacia e o tempo máximo de estacionamento permitido será de dez minutos.