OPINIÓN
Estamos diante dun cambio de ciclo do BCE?, por Maite Cancelo
Aínda que a boa nova da semana foi a confirmación dunha nova baixada dos tipos de xuro en Europa que afecta positivamente as persoas e empresas que teñen contraídos créditos e que, ademais, supón unha inxección de liquidez no sistema, xa que afecta á decisión de gasto nos fogares e ao investimento empresarial, polo que, os tipos baixos favorecen o crecemento económico.
Pero a parte máis negativa é que na mesma reunión na que se aproba esa baixada prevista de 25 puntos básicos, a quinta consecutiva, que colocou no 2,5 % a taxa de depósito, o Banco Central Europeo no seu comunicado sinalou que a política monetaria está a adoptar unha orientación considerablemente menos restritiva, dado que as baixadas dos tipos de xuro están a reducir o custo do crédito novo para empresas e fogares e o crecemento dos préstamos está repuntando.
Detrás desta frase o que se está a anunciar é unha posible nova fase na política do BCE, un cambio de ciclo con menores reducións dos tipos de interese, e que xa se vía vir, dadas as intervencións desde principio de ano dalgúns falcóns, os membros do comité executivo máis contrarios a unha política monetaria expansiva e que teñen moito peso na toma das decisións do organismo, o cal podería supor unha pausa, e mesmo deter o proceso de baixada de tipos levada a cabo nos últimos tempos, ao entender que non penalizan tanto a actividade económica.
Na á máis dura, a alemá Isabel Schabel aposta por empezar unha pausa dos tipos, aínda que outras voces, como o gobernador grego Yannis Stournaras, defendeu que os descensos deben continuar.
O problema é que a economía europea está moi débil, sobre todo en Alemaña e Francia, que representan a metade da rexión, con estancamento ou crecemento moi baixo, ao que hai que engadir que a inflación está a dar bandazos, non termina de asentarse (de feito, atrásase o momento de poder alcanzar o número máxico do 2 % ata o próximo ano). E aquí é onde discrepan as voces xa que a palabra que máis usou Christine Lagarde, presidenta do BCE, na reunión foi a de incerteza, que os datos dun día a outro cambian de forma dramática (referíndose, sen facelo explícito, aos bandazos comerciais de Trump, as oscilacións dos prezos da enerxía e, mesmo, ás tensións en Ucraína e Oriente Próximo).
O certo é que, se se ten claro que os aranceis que está a deseñar Trump son negativos para o noso crecemento, xa que afectarán as nosas exportacións, pero o BCE non está en condicións, nestes intres, a como afectarán á inflación en Europa. Outro tema de debate é o obxectivo de multiplicar o gasto en defensa que se debería impulsar ao crecemento europeo.
E sen saber como acabará esta guerra entre falcóns e pombas, o que si sabemos é que todo isto xa o alertou a propia Chistine Lagarde no pasado mes de setembro cando festexabamos unha destas baixadas de tipos, tamén de 25 puntos, ao sinalar, con relación ao futuro: “o que será, será”. E non anticipou as seguintes decisións da autoridade monetaria.