Talento, traballo e superación na edición 2023 das Medallas Castelao
Talento, traballo e superación na edición 2023 das Medallas Castelao
Nesta edición foron premiados o grupo Siniestro Total, a campioa paralímpica Susana Rodríguez Gacio, a escritora Ledicia Costas, o oncólogo Rafael López, e o empresario mexicano-galego Lino de Prado
O mosteiro de San Domingos de Bonaval, que acolle en Santiago o Panteón de Galegos Ilustres foi este mércores o lugar de entrega das Medallas Castelao, como vén sendo tradicional cada 28 de xuño.
Recibiron o premio o grupo de música Siniestro Total, a campioa paralímpica de tríatlon Susana Rodríguez Gacio, a escritora Ledicia Costas, o oncólogo Rafael López, xefe dese servizo no CHUS, e o empresario mexicano-galego Lino de Prado. Os premios distinguen a obra artística, literaria, intelectual ou de calquera outro tipo de personalidades galegas recoñecidas.
A Medalla Castelao é unha condecoración de carácter civil outorgada pola Xunta de Galicia. A gala de entrega celebrarase coincidindo co aniversario da aprobación do plebiscito do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia e do regreso a Galicia dos restos mortais de Castelao.
Unha escritora feliz
Ledicia Costas, aseguraba no seu discurso: "Hoxe son unha escritora feliz", e reivindicou a lingua galega, en que "todos os mundos son posibles", en referencia aos espazos, personaxes e historias da súa creación.
"Somos un grupo de rock and roll e tocamos a toda hostia"
Julián Hernández foi o encargado de ler o discurso de agradecemento en representación dos membros do grupo Siniestro Total. Nel reivindicou a memoria de Castelao e a necesidade da "reconstrución que lle queda pendente a Galicia do fogar desfeito".
Recordou a todos os compoñentes históricos da banda e concluíu, recordando ao Maestro Reverendo: "Somos un grupo de rock and roll e tocamos a toda hostia".
"Este recoñecemento non é só para min"
O empresario mexicano-galego Lino de Prado quixo recordar a seus pais na súa intervención, quen fixeron a viaxe da emigración cara a América en busca de oportunidades.
"Este recoñecemento non é só para min", dixo, "senón para todas as persoas que traballaron por fortalecer os lazos entre México e Galicia".
"Os referentes máis grandes as veces son son os que temos máis cerca"
A atleta paralímpica e médico, Susana Rodríguez Gacio, tamén falou da súa familia, de seus pais e da súa irmá. "Os referentes máis grandes as veces son son os que temos máis cerca", afirmou para referirse a aqueles que a apoiaron en toda a súa carreira. Tivo ademais palabras de agradecemento para a sanidade pública na que exerce como profesional.
"Se tivese que debuxar o meu corazón, pintaríao de cor branca cunha faixa azul", di Susana Rodríguez Gacio, que se emocionaba ao recoller a medalla Castelao.
"Soñar cunha Galicia e unha terra libre de sufrimento do cancro"
Por último, o oncólogo Rafael López, xefe do departamento no Hospital Clínico Universitario de Santiago, fixo un discurso no que quixo acordarse dos enfermos de cancro e dos seus familiares.
Tamén se referiu a Castelao, en todas as súas facetas, pero en especial na de médico, e dixo "quero convidalos a soñar cunha Galicia e unha terra libre de sufrimento do cancro". "Por Galicia", concluíu.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que Galicia vive un "novo rexurdimento" e instou a non disputar polo pasado que "non nos enfronta, senón que nos une". Rueda referiuse á conmemoración este día do plebiscito do Estatuto do 36 e situouno como exemplo de que "o logro pleno da autonomía é unha longa peregrinación" na que hai "etapas doces, pero tamén amargas" e na que participaron galegos de toda condición e "convicción".
Así, destacou que o desenvolvemento de Galicia débese ás persoas e o seu traballo, polo que existe un "novo rexurdimento" que non afecta só á literatura, senón a todos os ámbitos e é "un rexurdimento da xente, pola xente e grazas á xente", algo que cre que exemplifican os galardoados coas medallas.
Dos premiados, dixo Rueda, son "perfectos exemplos" do esforzo de moitos galegos, que son o motivo para dicir que "Galicia está de moda".