Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda insta a "cultivar a cultura do pacto" na entrega das Medallas Castelao

Rueda insta a "cultivar a cultura do pacto" na entrega das Medallas Castelao

O grupo musical Leilía; a presidenta da Coordinadora Estatal de Asociacións Solidarias co Sáhara, Maite Isla; o xogador de squash compostelán Borja Golán; o fundador e presidente do grupo Hotusa, Amancio López Seijas, e a Asociación de Médicos Galegos son os galardoados

A entrega celebrouse na igrexa de San Domingos de Bonaval, xusto cando se cumpren 40 anos da chegada dos restos do político e escritor a Galicia

G24.gal 28/06/2024 08:23 Última actualización 28/06/2024 13:10

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, instou a "cultivar a cultura do pacto e desterrar o medo ao acordo", no acto de entrega das Medallas Castelao, 2024, xusto cando fai 40 anos da chegada dos restos do político e escritor a Galicia.

Nun acto celebrado na igrexa de San Domingos de Bonaval, onde descansan os restos de Castelao, dixo que despois de máis de catro décadas de autonomía, poucos lembran o "longo e tortuoso camiño" que precedeu á chegada da democracia que foi, inicialmente, "con máis toxos que flores".

Así animou a inspirarse no "galeguismo transversal e integrador" que "guiou o asentamento e posterior consolidación" da autonomía de Galicia e tamén na "cultura do pacto e a procura do entendemento entre as persoas de ideoloxías diverxentes" que "sustentou o éxito da Transición".

Tamén puxo como exemplo a seguir "a exemplaridade e o recto proceder" da monarquía, encarnada no rei Filipe VI, ou a "cultura o esforzo" dos galegos e galegas que "cumpren coas súas obrigacións con plenitude".

Rueda expresou o recoñecemento a todos os galardoados que son exemplo do proceder "que caracteriza os 'bos e xenerosos'" aos que se rende tributo no Himno Galego, e "dignos herdeiros de Castelao e de todos os inmortais galegos" que, como el, compartiron o obxectivo "de construír un mundo mellor", con Galicia como base".

As cinco persoas galardoadas coas Medallas Castelao 2024 foron o grupo Leilía, o deportista Borja Golán, o empresario Amancio López Seijas, a activista Maite Isla e a Asociación de Médicos Galegos (Asomega). 

Leilía, que se despediron dos palcos este ano tras tres décadas, reivindicaron a tradición oral galega e o papel da muller como creadora e transmisora dese inmenso patrimonio cultural do que hoxe gozamos. Borja Golán, un dos mellores xogadores de squash de todos os tempos, presumiu de escoller quedar en Galicia para desenvolver a súa carreira deportiva.

Amancio López Seijas, fundador do grupo hostaleiro Hotusa, destacou os valores e a función do empresarios, mentres que o presidente da Asociación de Médicos Galegos, Julio Ancochea, defendeu que o carácter galego aplicado á sanidade enriquece o paciente. 

Maite Isla, que dende hai máis de trinta anos forma parte de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, quixo mandar unha mensaxe tras recoller a medalla. Pediu que este recoñecemento sirva para que "máis cedo que tarde volvan ao que lles pertence, a súa terra".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade