Chegan ao porto de Cambados as primeiras vieiras da tempada
Chegan ao porto de Cambados as primeiras vieiras da tempada
Empezou unha semana antes do habitual porque xa non quedaba vieira conxelada da tempada anterior e a evolución dos moluscos axudaba
Os primeiros vieireiros chegaban con bo produto ao porto de Cambados neste luns de estrea de campaña. Empezou unha semana antes do habitual porque xa non quedaba vieira conxelada da tempada anterior e a evolución do molusco axudaba.
"Desde o punto de vista do cliente está en bo estado e en canto a tamaños hai zonas en que é algo máis baixa que outros anos, pero en xeral está en boas condicións", di José Carlos Mariño, da asistencia técnica da confraría de Cambados.
No primeiro día o mal tempo levou a baixar o tope total diario establecido nos 3.000 quilos. O produto cumpriu as expectativas e o tamaño medio estivo nos 11,5 centímetros.
Manuel Domínguez, administrador da lonxa de Cambados, anuncia que "en principio, os prezos de venda vanse manter, e aquí no prezo de lonxa vanse manter, agardando a evolución do mercado".
5,50 euros o quilo é no que se traduce esa estabilización do prezo pagado aos vieireiros. Entre a chegada á lonxa e a saída ao mercado, o molusco pasa necesariamente un día na planta de evisceración, que é en gran medida a que determina a previsión da campaña extractiva:
"Segundo nos dixeron na empresa evisceradora, achegarase aos 90.000-100.000 quilos. Se o repartimos en días de traballo irá a 30, 35 ou 40 días. Trabállase de luns a xoves, porque se eviscera ao día seguinte e para que non chegue vieira na fin de semana", sinala Carlos Mariño.
E Manuel Domínguez explica que "unha vez que se cubra a venda en fresco, irase conxelando para ter produto co que atender a clientela ao longo de todo o ano. Aínda non chegamos ao punto forte das vendas en fresco. Iso será dentro duns quince ou vinte días".
A estrela dos produtos descargados no porto de Cambados ten este mércores unha nova estrea no mercado, cando se poña ante o consumidor a vieira, á que se dedican entre 20 e 30 embarcacións.