Publicador de contidos
Publicador de contidos

Este mércores estarán operativos os primeiros medios estatais de limpeza de praias en Asturias

Este mércores estarán operativos os primeiros medios estatais de limpeza de praias en Asturias

Transición Ecolóxica está pendente de que os equipos entren en contacto para avaliar "como se articula esta colaboración" en Galicia

Cantabria súmase a Asturias ao elevar a situación 2 a alerta por aparición "xeneralizada" de 'pellets'

Operarios retiran bólas de plástico na praia de Corrubedo Operarios retiran bólas de plástico na praia de Corrubedo
G24.gal 09/01/2024 19:39 Última actualización 09/01/2024 20:35

A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, anunciou que a partir deste mércores "estarán operativos os primeiros medios para a limpeza de praias" da vertedura de 'pellets' en Asturias, aínda que recoñeceu que "a afección máis relevante" é en Galicia.

A ministra precisou que o Principado é "a primeira comunidade autónoma que elevou o seu nivel de petición de resposta" en referencia ao nivel 2 no grao de alerta do seu Plan Territorial de Continxencia por Contaminación Mariña Accidental (Placampa) tras detectar unha "aparición xeneralizada" destes microplásticos no seu litoral.

Ribeira precisou que o Executivo central pode mobilizar medios propios para contribuír á xestión dunha emerxencia ambiental só unha vez que os gobernos autonómicos asumen ese nivel intermedio de maneira oficial.

No caso de Galicia, aínda que fixou antes o nivel 1 do seu Plan territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (plan Camgal) o pasado 5 de xaneiro, non foi ata este martes cando o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, decidiu elevalo ao 2, polo que "os equipos están pendentes de entrar en contacto", indicou Ribeira, para avaliar "como se articula esta colaboración sobre o territorio" con "Pontevedra como o punto de partida máis importante".

A ministra mostrouse "sorprendida" pola reacción de Rueda cando "o luns dixo que era desleal ofrecer axuda" á Xunta, o que cre que "ten que ver máis co compromiso electoral que con outra cousa", en referencia aos próximos comicios autonómicos ao Parlamento galego, previstos para o próximo 18 de febreiro.

Galicia "é unha comunidade autónoma onde a memoria recente de contaminación mariña é dura e complicada, a sensación de abandono da poboación local aínda pervive e a sensibilidade é alta", asegurou, pero "os cidadáns o que queren é reacción inmediata e de colaboración entre as administracións para restaurar a normalidade", apostilou.

Nese sentido, celebrou como "boa noticia" o feito de que as administracións poñan de manifesto a vontade de traballar xuntas.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade