Estragan mesas e cadeiras nun bar e logo agriden o mozo que llelo recriminou
Estragan mesas e cadeiras nun bar e logo agriden o mozo que llelo recriminou
Agora están detidos, grazas ao relato das testemuñas
Dous mozos de 20 e 21 anos foron detidos en Lugo por agredir outro que lles recriminou que desen patadas e tirasen mesas e cadeiras nun bar.
Os feitos ocorreron este venres de madrugada. Foi a propia vítima a que chamou a Policía Local.
O mozo contoulles aos axentes que pouco antes lles recriminara a súa conduta, ao observar como se dedicaban a dar patadas e tirar mesas e cadeiras nun bar.
Segundo o seu relato, sen mediar palabra, empezaron a agredilo, propinándolle patadas e puñadas por todas as partes do corpo, tirándoo ao chan.
Déronlle un golpe no ollo cun obxecto contundente metálico, posiblemente unha chave.
Un grupo de amigos interpuxéronse para que deixasen de agredilo e conseguírono finalmente.
Cando chegou a ambulancia, a vítima presentaba lesións evidentes e "aparentemente graves" na pálpebra dereita, con "erosións na fronte, tendo a roupa "danada". Trasladárono ao HULA para que lle desen atención médica.
As patrullas do grupo nocturno da Policía Local mobilizáronse para buscar os agresores, que foron localizados de inmediato no adarve da muralla, á altura da Porta de Santiago.
Ambos manifestaron espontaneamente que participaran momentos antes "nunha pelexa na Rúa Nova" sen especificar o motivo.
Foron trasladados a dependencias policiais, onde se instrúen dilixencias para o xulgado de garda por un delito de lesións.