Estudan outro caso sospeitoso de covid ómicron en Madrid
Estudan outro caso sospeitoso de covid ómicron en Madrid
É a pasaxeira dun voo que chegou a Baraxas procedente de Suráfrica vía Ámsterdam
O caso confirmado o luns é o dun home de 51 anos con síntomas leves
A Comunidade de Madrid está a estudar se un segundo caso positivo por coronavirus -unha pasaxeira procedente de Suráfrica vía Ámsterdam- corresponde á variante ómicron, segundo informaron fontes da Consellería de Sanidade.
Este caso, que aínda se está secuenciando para confirmar se se trata de ómicron, chegou a Baraxas nun voo distinto ao do primeiro confirmado infectado con esta nova variante.
Trátase dunha muller que deu positivo nun test de antíxenos e tamén en PCR no aeroporto, que estaba vacinada con dúas doses e que presenta síntomas leves.
O conselleiro madrileño de Sanidade, Enrique Ruiz Escudero, confirmou en declaracións a Onda Cero que o laboratorio do Hospital Gregorio Marañón está secuenciando a mostra da pasaxeira, pero avanzou que "pola clínica" e polo seu lugar de procedencia sospéitase que podería corresponder á nova variante.
O primeiro caso de ómicron en España, que foi confirmado este luns, é o dun home que tamén estaba vacinado coas dúas doses de Pfizer contra o coronavirus, e que igualmente presenta síntomas leves.
Tanto este home -de 51 anos e que regresou o pasado domingo, 28 de novembro, de Suráfrica con escala en Ámsterdam- como a muller están en illamento baixo seguimento.
Escudero explicou que aínda que o resto de viaxeiros dos voos deu negativo na proba de antíxenos que lles realizaron no aeroporto, váiselles facer un especial seguimento -estudar se están vacinados ou estar pendentes de se presentan síntomas- para detectar "canto antes" novos casos.