Publicador de contidos
Publicador de contidos

Estudan que tipo de peches son máis eficaces para evitar os ataques do lobo ao gando

Estudan que tipo de peches son máis eficaces para evitar os ataques do lobo ao gando

O proxecto "medidas preventivas da depredación do gando para a convivencia co lobo en Galicia" avaliou a efectividade de tres tipos de peche para gando ovino

No estudo participaron 20 ganderías espalladas por todo o territorio galego que mantiveron os seus animais nos distintos tipos de peche durante un ano

A efectividade dos sistemas probados foi do 80 %

G24.gal 07/02/2024 10:40

O lobo é o principal gran carnívoro que queda en estado salvaxe en Europa. Galicia é unha das poucas rexións europeas onde o lobo nunca desapareceu. Segundo o último censo do lobo ibérico en Galicia, de 2022, a súa distribución é xeneralizada en todo o territorio galego, agás nas grandes cidades e no Baixo Miño.

Este informe estima a presenza de 93 mandas reprodutoras de lobo en Galicia, 21 delas compartidas, 6 con Asturias, 8 con Castela-León e 7 con Portugal, o que daría un total de entre 744 e 837 exemplares espallados por case toda a nosa xeografía.

Como explica Óscar Rivas, da Asociación Galega de Custodia do Territorio, “estes datos máis ou menos amosan unha estabilidade respecto dos datos anteriores do censo 2011-2015 e podemos asumir que nestes últimos 30 anos hai unha estabilidade poboacional que estes cambios que pode haber non son significativos, polo que podemos falar de estabilidade. E en canto á distribución podemos dicir que a distribución é moi ampla, chegando a máis do 80 por cento do territorio galego".

O doutor en Bioloxía Luis Llaneza é un dos maiores expertos que hai sobre o lobo ibérico. Leva décadas traballando na elaboración de censos e estudos para a Administración a través de ARENA, Asesores en Recursos Naturais, e pode constatar como foi a evolución da presenza do lobo na nosa terra: "En Galicia a presencia do lobo é histórica. É un dos poucos sitios da Península Ibérica onde os rexistros históricos confirman a presenza do lobo nos anos 70, que foi o gran momento no que o lobo estivo a piques de extinguirse na Península Ibérica, quedaban aínda lobos en Galicia".

"O que ocorreu é que a partir dos anos 70 os lobos foron ocupando territorios, zonas onde no pasado non había. E na actualidade observamos tamén ese aspecto. Un exemplo moi claro é a serra da Capelada, ao norte da Coruña. Nos últimos censos que fixemos non confirmamos a presenza dunha manda reprodutora, había si algún lobo por alí. Pero neste último censo confirmamos a presenza dunha manda reprodutora".

"Na zona norte de Lugo, vese que hai zonas onde non se confirmara nos últimos 10 anos a presenza de mandas reprodutoras e agora na actualidade o temos. O lobo en Galicia practicamente ocupa o 95 % do territorio. Outra cuestión é cando estamos falando de mandas reprodutoras. Pero individuos que non están vencellados a unha manda ou individuos das propias mandas están ocupando como digo máis do 90 % do territorio galego. E despois a creación e desaparición de mandas de lobo é dinámica".

A presenza dun gran carnívoro coma o lobo en ambientes tan humanizados coma o galego sempre levou implícito a existencia de problemas de coexistencia co home e especialmente coa actividade gandeira. Para reducir o risco de depredación do lobo, gandeiros, investigadores, biólogos e conservacionistas xuntáronse nun proxecto coordinado polo AGACAL a través do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo que avaliou durante tres anos a efectividade de tres tipos de peches para gando ovino en 20 localizacións de Galicia.

Joan Alibés, gandeiro e xerente de Beealia, unha das empresas que participaron neste proxecto, destaca que "hai pouca investigación seria feita sobre o tema e o que quixemos achegar un gran de area potente, cunha significación en canto aos seus resultados e cuns resultados que se podan demostrar e que se podan mostrar a nivel xeral".

"Son concretamente tres sistemas de peche e cada un está repetido en 10 veces, o que nos deu un total de 30 peches espallados por todo o territorio galego durante un ano. Durante un ano as ovellas estiveron dentro deses peches, día e noite, durante 365 días. Iso fai que a exposición ao lobo foi completa. Se funciona, funciona e se non funciona, non funciona".

Os sistemas probados foron os seguintes:

- Un peche fixo de malla ovelleira de 1 metro 45 de altura, con dous fíos electrificados exteriores, un na parte superior da malla a 10 centímetros e outro a uns 35 centímetros do chan. 

- Un peche fixo de arames electrificados, con 8 arames, 4 eléctricos e 4 de terra alternados, estando o arame electrificado inferior a 20 centímetros do chan e o superior a metro cincuenta.

- E un peche móbil de malla electrificada con mastín, consistente nunha malla portable electrificada dun metro cinco de altura e con presenza sempre dun mastín de traballo coas ovellas.

Cada un destes peches foi probado mantendo 3 ovellas no seu interior as 24 horas do día durante un ano. O resultado foi que o peche fixo de malla ovelleira tivo unha efectividade do 90 por cento, mentres que o sistema de arames electrificados e o peche móbil de malla electrificada con mastín tiveron unha efectividade do 80 por cento:

"É dicir, sabemos que eses peches funcionan pero non son 100 % eficientes, que é o que queriamos. O resultado era esperable? Persoalmente penso que si, porque non existe o peche perfecto. Pero o importante é que estes métodos o que nos axudan é a minimizar o impacto do lobo".

"Tivemos esas 20 explotacións cun total de 30 tipos de peches diferentes e o que vimos foi efectivamente que en torno a un 20 por cento de ocasións entrou o lobo. Que ocorrería se non tiveramos eses peches desas características? Que probablemente a esas ovellas que estaban nesas zonas as tería matado o lobo. Entón polo menos verificamos que teñen unha certa eficacia. Do 100 por cen? Non. Chegamos ao 80 por cento, no está mal, é un ensaio, hai problemas".

"Se continuaramos con este tipo de traballos en diferentes contextos, en diferentes situacións, poderiamos afinar un pouquiño máis, pero efectivamente os peches contribúen a aminorar o impacto”, sinala o biólogo Luis Llaneza.

Este traballo foi posible grazas á colaboración de vinte ganderías espalladas por todo o territorio galego. Gandeiros coma Xabier Fernández, de Cospeito, na Terra Chá que tivo a amarga experiencia de rexistrar ataques nos tres sistemas que se probaron co seu gando: "as experiencias aquí teñen partes doces e partes amargas. Era preciso probar as medidas preventivas das que xa levamos tempo a falar pero a verdade é que a experiencia aquí non foi de todo positiva, posto que tivemos ataques en todos os peches".

"Eu creo que somos moitos os gandeiros que levamos tempo a traballar en medidas preventivas, mastíns, peches, electrificacións... e este proxecto é un claro exemplo de que non podemos dar nada por establecido. Hai peches que funcionan, peches que non funcionan, cousas que aquí funcionan e noutra parte do país non funcionan".

"Eu creo que todos levamos tempo a traballar niso, para min un dos elementos clave son os cans, pero aquí tamén tivemos un ataque nun peche móbil con can, entón ao final a verdade é que nos queda moitísimo por facer, moito descoñecemento, e as medidas preventivas seguir a traballar nelas, pero agora mesmo cre que non hai nada, polo menos aquí demostrouse que non hai nada cen por cento efectivo".

Proxectos coma este buscan botar luz e datos científicos, que axuden en primeiro lugar aos gandeiros a adoptar métodos de prevención máis eficaces e adaptados a cada contexto, que axuden á coexistencia entre o lobo e a actividade gandeira.

Como resalta Joan Alibés, gandeiro e xerente de Beealia, "para min a reflexión máis importante que podemos sacar hoxe a nivel global, falando do conflito do lobo, é que se realmente nos adentramos no conflito, nas razóns que hai dentro, as dialogamos, empezamos a traballar seriamente, atopamos solucións, atopamos vías para progresar, atopamos vías para dirixir un cambio positivo cara a este conflito que vai ser permanente e vai ser eterno, pero estamos empezando a dar pasos".

"Pero iso si, hai que querer entrar. Non se pode entrar dunha maneira lixeira, facendo unha enquisa a un grupo de explotacións, facendo un estudo nun só sitio, temos que querer entrar ben, como a ciencia agraria sabe facer, porque o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, a ciencia agraria que temos en Galicia ten moitos anos de experiencia e sábese ben que hai que facer estudos cun certo grao de intensidade para que os resultados sexan fiables. Unha vez o fas, o que vemos hoxe é que da resultados e cos resultados podemos contar cousas. Positivas ou negativas, pero temos cousas que contar e son cousas con seguridade", conclúe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade