Publicador de contidos
Publicador de contidos

Estudantes de Xinzo gravan curtas contra as violencias machistas

Estudantes de Xinzo gravan curtas contra as violencias machistas

A actividade chámase Seguridade Violeta e diríxese a alumnado da ESO, empregando as ferramentas coas que están máis familiarizados: o móbil, as redes sociais ou a comunicación audiovisual

As curtas que saian deste traballo proxectaranse na Casa da Cultura de Xinzo o 22 de marzo

G24.gal 06/03/2024 14:25

A primeira lección desta clase sobre igualdade é aprender a mirar para saber distinguir.

"Hai machismos que están tan normalizados que nin nos damos conta de que son machismos, que pode facelo ata unha muller. Non debería ser así", explica Xiana, alumna de 2º da ESO.

O método é sinxelo: reflexionar sobre a realidade máis inmediata, a que mellor coñecen.

"Na hora do recreo, é verdade que os rapaces normalmente xogan ao fútbol no patio e as rapazas van dar paseos, non xogan nin nada", di Ángel, alumno de 2º da ESO.

"As cores. Iso son micromachismos. Está tan normalizado que nin nos damos conta de que o rosa non debería ser para mozas e o azul para mozos. Tanto ten. As cores non teñen xénero", engade Xiana.

O seguinte paso é marcar obxectivos para conseguir unha igualdade real: "Que podemos achegar?", pregunta a educadora: "Pois que nos babyshowers, o fumiño rosa non sexa só pra muller", contesta unha alumna. "Unha educación igualitaria, que eduque igual a homes e mulleres". "Denunciar a publicidade ou videoclips nos que as mulleres saen expostas dun xeito moi forzado", din outras dúas.

As ferramentas que empregan, cos códigos da súa xeración, facilítanlles a aprendizaxe.

"Non se trata de que eu veña aquí dar unha charla e elas escoiten, senón que o vivencien, o experimenten, con dinámicas de grupo nas que cheguen a acordos, busquen información...", explica Chío Couto Rendo, traballadora social e educadora.

O resultado proxectarase na Casa da Cultura de Xinzo o 22 de marzo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade