Ethel Vázquez pide máis dilixencia ao ministerio na reparación da N-642
Ethel Vázquez pide máis dilixencia ao ministerio na reparación da N-642
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade anunciou un plan para arranxar os danos que provocaron as chuvias nas estradas autonómicas
Ethel Vázquez pide ao Goberno central máis axilidade na reparación do carril da N-642 que se afundiu o pasado día 20 por mor dunha bolsa de auga. Nunha entrevista no Galicia por diante, a conselleira de Infraestruturas sinalou: "Os que actuamos na reparación de desprendementos e na conservación das estradas traballamos cunha planificación e unha previsión que me gustaría que o Ministerio de Transportes igualase. Pediría máis implicación e máis información". A petición estendeuna a conselleira aos traballos de reparación do viaduto da A-6.
A conselleira falou tamén do plan de choque que deseña a Xunta para asegurar as estradas galegas de titularidade autonómica ante o incremento de derrubamentos provocados por mor das chuvias.
O goberno galego ten xa identificadas unha trintena de actuacións prioritarias, que serán financiadas con once millóns de euros procedentes dos fondos europeos para a loita contra os efectos do cambio climático: "Europa entendeu e aceptou a formulación da Xunta de Galicia, diría que somos a primeira comunidade autónoma en España que vimos esa liña de financiamento e a conseguimos".