Publicador de contidos
Publicador de contidos

Europa proxecta a maior granxa eólica do mundo no mar do Norte

Europa proxecta a maior granxa eólica do mundo no mar do Norte

O obxectivo é producir electricidade suficiente para abastecer 120 millóns de fogares antes de 2030 e duplicar esa capacidade a mediados de século

A industria eólica xa advertiu que precisan medrar porque non hai empresas suficientes para cumprir eses compromisos

G24.gal 24/04/2023 19:00 Última actualización 24/04/2023 19:27

Nove países europeos aspiran a transformar os 175.000 quilómetros de costa do mar do Norte na maior macrogranxa de enerxía eólica do mundo.

O obxectivo é converter esa futura rede de aeroxeradores mariños na primeira central de electricidade verde de Europa en 2050.

"Nos últimos meses vimos cal é o impacto se somos demasiado dependentes doutros para a subministración de enerxía. Aquí demostramos que traballando xuntos podemos facer que o noso sistema de electricidade sexa máis verde e máis independente", declarou o primeiro ministro de Bélxica e anfitrión da cita na cidade costeira de Ostende, Alexander De Croo.

Cinco países máis (Francia, Luxemburgo, Irlanda, Noruega e o Reino Unido) sumáronse ese luns  oficialmente á coalición formada hai un ano na localidade danesa de Esbjerg por Bélxica, Dinamarca, Alemaña e os Países Baixos para sementar os mares que rodean eses países -e Luxemburgo- de aeroxeradores e cables.

O obxectivo é instalar polo menos 120 xigawatts de eólica mariña en 2030, é dicir, electricidade suficiente para abastecer 120 millóns de fogares, e alcanzar os 300 GW a metade de século, dobrando así as metas que se marcaron hai un ano os cinco Estados que inicialmente formaron a alianza.

Un cento de empresas eólicas avisaron xa de que a industria necesita crecer porque "non é o suficientemente grande hoxe en día para cumprir cos compromisos dos nove gobernos e satisfacer a crecente demanda".

"Necesítanse novos investimentos importantes en capacidade de fabricación e infraestrutura clave", así como "apoio público, incluído o apoio financeiro", recolle un decálogo difundido por WindEurope.     

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade