Arranca a campaña das eleccións europeas
Arranca a campaña das eleccións europeas
Celébranse nos 27 estados membros entre o 6 e o 9 de xuño
Os socialistas abren lista coa vicepresidenta Ribera e o PP repite con Dolors Monserrat como candidata
O BNG repite alianza con Bildu e ERC e agarda conservar o asento de Ana Miranda na Eurocámara
O Parlamento Europeo renóvase cada cinco anos e chegou a hora de volver ás urnas. As eleccións celébranse nos 27 estados membros. Comezarán nos Países Baixos o 6 xuño e rematarán nunha vintena de países, entre eles España, tres días despois, o domingo día 9.
O Parlamento é a única institución europea elixida directamente pola cidadanía. Desta volta 373 millóns de persoas poden elixir 720 deputados, 15 máis que agora. España elixe 61 deputados, dous máis.
Pero votar só é obrigatorio en catro países, e as últimas eleccións europeas estiveron marcadas por unha elevada abstención. En 2019 rozou o 70% nalgúns países como Portugal e de media foi do 50%. En España coincidiron coas municipais e a abstención foi cinco puntos inferior.
Nas eleccións europeas do 9 de xuño poden votar en España máis de 38 millóns de persoas. En Galicia poden participar 2 millóns 700.000. Son 8.800 máis que nas eleccións autonómicas de febreiro. Súmanse os que cumpriron a maioría de idade desde aquela e os 7.500 cidadáns comunitarios que residen na comunidade.
A lista do PSOE encabézaa a vicepresidenta Ribera.
O Partido Popular repite candidatura con Dolors Monserrat.
O BNG repite alianza con Bildu e ERC na candidatura conxunta Agora Repúblicas, hai 5 anos conseguiran tres parlamentarios, a cifra que teñen que repetir para sentar de novo na Eurocámara Ana Miranda, número tres da coalición.
Sumar agarda romper coa serie de derrotas electorais que encadeou este ano. E fano cunha candidata, Estrella Galán, que terá que baterse cos seus antigos socios morados.
Podemos intentará lograr o escano de Irene Montero para manterse en pé.
Serán estas as primeiras eleccións nas que Sumar e Podemos compitan en toda España, hai 5 anos a coalición PodemosS-IU conseguira 6 parlamentarios
Vox, que hai cinco anos conseguira 3 eurodeputados, repite cabeza de cartel con Jorge Buxadé.
Ciudadanos fora a terceira forza política española en 2019 con 7 eurodeputados, as eleccións do día 9 son o seu derradeiro cartucho logo de perder toda a representación institucional que tiñan no Congreso, Senado e nos distintos parlamentos autonómicos.