Publicador de contidos
Publicador de contidos

Europa xa ten regras de gasto, por Venancio Salcines

OPINIÓN

Europa xa ten regras de gasto, por Venancio Salcines

G24.gal 12/02/2024 08:05

A crise sanitaria xerou tensión nas contas publicas de todos os estados da Unión Europea. A zona euro acabou cun 91,5 % de débeda pública no ano vinte e dous; no caso de España, superou amplamente esa cifra. Está claro que a mesma lóxica que aplicamos para os nosos fogares ten que aplicarse para as contas macro, as contas das administracións públicas. E cal é esa lóxica? Que pides débeda cando as cousas non van ben e págala cando pasa o problema. Isto é así e non queda outra. Chegarán novas crises e o sentido común indica que agora, no vinte e catro, e, esencialmente, no vinte e cinco, toca empezar a pagar débedas, e algo máis importante: crear unha estrutura de gasto que controle a ratio débeda/PIB.

O sábado de madrugada, o Parlamento Europeo e o Consello da UE pecharon as novas regras de gasto. Aínda que o marco estaba definido, en liñas grosas, tocaba xerar o acordo final e facelo rápido, antes de que se disolvese o Parlamento ante a convocatoria das novas eleccións europeas.

E, con que nos encontramos? De partida, cunha meta: que todo país cunha débeda que supere o 60 % do PIB ten que poñerse a réxime. E facelo co obxectivo de acadar esa ratio antes de catro anos. Agora ben, se o país cumpre unhas determinadas condicións pode elixir unha vía lenta de sete anos. O cal supón un alivio. Ese será o camiño que tomará España, pero non está libre de peaxes. Cales? A primeira, reformas estruturais que conduzan ao control do déficit público. Se terminas o mes en números vermellos, imposible conter a débeda da casa; unha nación é similar. Aquí os defensores da austeridade marcaron o campo de xogo, as nacións que se sitúen por debaixo do 60 % buscarán un déficit público do 1,5 % do PIB; as que estean por enriba, acadarán o 3 %. Á marxe dos temas individuais dos plans de axuste, tamén veremos algúns temas en común, como que o gasto neto non pode crecer máis ca o PIB a medio prazo; a ratio de débeda ao cuarto ano ten que ser mais baixa, e os axustes nunca poden quedar para o final. España non terá moito problema en cumprir estas regras, e tampouco o terá para acadar o obxectivo de déficit público, ese traballo está a facelo a inflación e os incrementos da recadación provocados pola suba dos prezos e os salarios. O que xa non temos claro é como se pode manexar a administración Sánchez sen esa axuda, que máis pronto que tarde desaparecerá.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade