Eva Veiga, xornalista, poeta e actriz, premio de honra Fernando Rey
Eva Veiga, xornalista, poeta e actriz, premio de honra Fernando Rey
O xurado di dela que é un "exemplo de profesionalidade, creatividade e resiliencia" e valora a súa traxectoria vital, "que transita da memoria á vangarda, empregando a comunicación e a creación como ferramentas ao servizo da nosa cultura e o noso audiovisual"
A xornalista, poeta e actriz Eva Veiga foi galardoada co Premio de Honra Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual.
Nun acto celebrado no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, foi o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, o encargado de dar a coñecer a gañadora deste recoñecemento que se outorga no marco dos XXII Premios Mestro Mateo do audiovisual galego.
O xurado tivo en conta á hora de premiar a Eva Veiga a súa traxectoria vital, "que transita da memoria á vangarda, empregando a comunicación e a creación como ferramentas ao servizo da nosa cultura e o noso audiovisual".
Destacou, ademais, o "exemplo de profesionalidade, creatividade e resiliencia" da galardoada.
A acta do xurado tivo en conta tamén que Eva Veiga forma parte dunha xeración pioneira "que fixo posible unha televisión pública comprometida coa información, a divulgación e a construción da identidade de varias xeracións de galegos e galegas".
Licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela, Eva Veiga traballou en medios escritos e na TVG, onde desenvolveu unha polifacética actividade profesional principalmente na dirección e presentación de programas culturais.
O responsable de Cultura do Goberno galego subliñou a relevancia dos Premios Mestre Mateo como plataforma "inmellorable" para a proxección social do destacado labor que desenvolven os profesionais do audiovisual galego.
Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia do Audiovisual, e a actriz e directora Carmen Méndez, integrante da xunta directiva, tamén participaron neste acto.