Evacuadas tres persoas con síntomas de intoxicación en Ponte Caldelas
Evacuadas tres persoas con síntomas de intoxicación en Ponte Caldelas
A mala combustión dunha cociña de leña provocou a acumulación de monóxido de carbono
Tres mulleres, unha delas menor de idade, foron evacuadas este domingo con síntomas de intoxicación por monóxido de carbono. Ocorreu nun domicilio da parroquia de Tourón, no concello de Ponte Caldelas.
Segundo informa o 112, os equipos de intervención comprobaron que a mala combustión dunha cociña de leña provocou a acumulación suficiente do gas tóxico como para indispoñer as tres persoas.
As dúas adultas e a menor foron trasladadas ao centro hospitalario de referencia con síntomas compatibles cunha intoxicación por monóxido de carbono.
Tras ventilar o inmoble, os Bombeiros do Morrazo realizaron as medicións correspondentes para comprobar a calidade do aire.
Acceso ao interior
O persoal sanitario do 061 foi o que alertou a Axencia Galega de Emerxencias pouco despois das nove da mañá. O equipo médico xa estaba no lugar para atender ás afectadas pero precisaban axuda para acceder ao interior do domicilio.
No operativo tamén participaron axentes da Garda Civil.