Evacúan un edificio en Baio tras un incendio nun garaxe
Evacúan un edificio en Baio tras un incendio nun garaxe
O lume queimou por completo dous vehículos e deixou danos noutros dous
Os veciños desaloxados puideron regresar ás súas vivendas sen que haxa que lamentar feridos
O edificio quedou sen auga polos danos do lume en tubaxes e baixantes
Un edificio en Baio, no municipio coruñés de Zas, foi evacuado por un incendio nun garaxe que afectou a catro coches, dous queimados e outros dous con danos por calor e cascotes desprendidos.
Segundo informa o 112 Galicia, a rápida actuación dos bombeiros impediu que o lume se propagase a dúas ducias de vehículos que tamén estaban estacionados no lugar. Os veciños, que foron evacuados durante a intervención, saíron ilesos e xa puideron retornar aos seus domicilios.
Varios dos particulares que se atopaban no interior do edificio chamaron ao 112 Galicia ás 5:20 da madrugada. Informaban de que saía moito fume do garaxe dun edificio situado na rúa Bispo Romero Lema, en Baio. Os servizos de emerxencias confirmaron que había 27 coches e unha moto.
O 112 Galicia solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Santa Comba e de Cee, os axentes da Garda Civil e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Zas.
Unha vez chegaron ao momento, os efectivos dos servizos de extinción de Santa Comba e Cee procederon a controlar e extinguir as lapas e despois informaron ao 112 de que arderon dous turismos por completo. Outros dous víronse afectados, un polo lume e outro pola caída de cascotes. Os vehículos restantes, 24, non se viron afectados.
Tendo en conta que o edificio estivo ventilado por completo, os veciños puideron retornar ás súas vivendas. Algúns volvían á primeira hora desta mañá ao garaxe para observar os estragos do lume.
Silvia, Dani e Mariña son tres das persoas damnificadas por un incendio que sobresaltou a veciñanza en pleno descanso nocturno.
O fume tirou polo oco das escaleiras e afectou en maior medida as vivendas do primeiro bloque. Manuel conta que tiña dous coches alí aparcados e celebra que non haxa que lamentar desgrazas persoais.
Outro damnificado, Miguel, explica que viviu instantes tremendos cando el e outras dúas persoas en pleno estrés polo incendio caeron no erro de usar o ascensor para tentar poñer a salvo o coche. Así fala do que sentiron ao abrirse a porta do elevador na planta do sinistro. Define o vivido con esta palabra: "Terror".
O edificio quedou sen auga, ao danarse tubaxes e baixantes. A comunidade ten por diante un bo traballo de limpeza e arranxo do garaxe, ademais de danos particulares en coches e outras consecuencias do incendio, como o paro obrigado que afronta a propietaria do salón de peiteado Marina.