Evoluciona favorablemente o incendio de Arbo e desactívase a alerta 2
Evoluciona favorablemente o incendio de Arbo e desactívase a alerta 2
O lume ameaza un polígono industrial tras calcinar 70 hectáreas
Na provincia de Pontevedra, a preocupación concéntrase na localidade de Arbo, onde na pasada xornada entrou desde Portugal un novo incendio que segue activo, pero desactivada a situación 2, que se tomara como medida preventiva pola proximidade das chamas ao polígono industrial da Sela.
Nalgunha empresa chegaron a retirar material e ordenadores. Empresarios e traballadores do polígono salientan a rápida actuación dos efectivos contraincendios. Traballadores e empresarios unironse aos medios no combate do lume que segundo din, interviñeron rapidamente.
Este incendio, rexistrado na parroquia de Barcela, queimou 70 hectáreas e evoluciona favorablemente cara á súa estabilización, segundo Medio Rural, que apunta a que non hai afectación a aldeas.
Tamén pasaron medo no próximo lugar de Chan. Un dos veciños, Manuel non escoitou as recomendacións de abandonar a casa, e quedou a defendela. Outro veciño quedou sen parte do viñedo. Moitas zonas da parroquia quedaron arrasadas, agora seguen preocupados polo vento e pola calor que provocaron o rápido avance nas últimas horas.
Estabilizado continúa, ademais, tras queimar 400 hectáreas, o incendio iniciado na parroquia de Mourentán, en Arbo. Un total de 9 técnicos, 30 axentes, 96 brigadas, 65 motobombas, 5 pas, 1 tractor, 2 unidades técnicas de apoio, 12 avións, 10 helicópteros e unha Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Pero tamén segue pendente de extinción, baixo control, o incendio iniciado na parroquia de Padróns, en Ponteareas, que queimou 20 hectáreas. Para combater o lume traballaron 11 axentes, 25 brigadas, 17 motomboas, 1 pa e 1 helicóptero.