Publicador de contidos
Publicador de contidos

Exemplares cruzados de xabaril e porco doméstico preocupan os agricultores da Estrada

Exemplares cruzados de xabaril e porco doméstico preocupan os agricultores da Estrada

Teñen camadas máis numerosas, dunhas doce crías fronte ás catro do xabaril

Na parroquia do Cereixo teñen avistado este tipo de cruzamentos

G24.gal 20/06/2023 14:24

Os agricultores da Estrada están afeitos aos ataques do xabaril. Pero esta foto, feita a pasada semana pasada na parroquia do Cereixo, fixo saltar as alarmas. O xabaril puido cruzarse con algún porco criado ao aire libre ou fuxido dalgunha granxa.

"Parece un híbrido, como un porco pero coas orellas en punta e o fociño dun xabaril", explica unha veciña.

"Os que eu vin creo que non eran cruzados, eran totalmente negros. Agora ben, podería ser que os houbera cruzados porque o país é grande, andan moitos quilómetros e non é fácil controlalos", comenta o propietario da leira atacada.

O problema dos cruzamentos é que fan os mesmos estragos, pero reprodúcense a maior velocidade. Ao ser medio porcos teñen máis crías, unhas 10 ou 12, fronte ás 4 ou 5 dun xabaril. Híbridos ou non, para Albino, o dono da leira, o problema é que os ataques van a máis.

"Antes vías unha parella de xabarís e se os corrías non regresaban. Agora está cheo, non teñen medo e non deixan nada",  lamenta Albino.

O seu terreo esta totalmente fozado na zona da herba e tivo que poñer pastor eléctrico para na parte onde ten as patacas e o millo. Canda el, moitos gandeiros da zona tiveron que poñer fíos electricos para protexer as forraxes.

"Isto é a España baleirada, non se pode, todo isto ten un custo e despois non sacamos os cartos para mantelo", engade Albino.

Piden que as administracións tomen medidas que permitan un equilibrio entre a agricultura e a fauna salvaxe. Mentres, os pastores eléctricos e a continua vixilancia son os métodos para espantar o xabaril.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade