Cada ano pérdense máis de 9.000 millóns de euros en beneficios fiscais
Cada ano pérdense máis de 9.000 millóns de euros en beneficios fiscais
Expertos fiscais instan a asesorarse antes de presentar o IRPF para aproveitar as desgravacións
Neste exercicio hai dúas novidades principais para autónomos e familias
Os asesores fiscais estiman que cada ano os contribuíntes perden un total de nove mil millóns en beneficios fiscais non aproveitados á hora de presentar a declaración da renda -IRFP- segundo explicaba na Radio Galega, Javier Aneiros, delegado provincial en Pontevedra da Asociación Española de Asesores Fiscais, que recalca a necesidade dun comportamento reflexivo e de comprobación nos primeiros días dende que se abre o prazo para presentar a declaración.
"Moitas partidas deducibles, en moitos casos pola rapidez, quedan sen aplicar".
Aneiros engade, ademais, que é esencial acudir a un profesional para poder coñecer todos os beneficios fiscais e cales corresponden a cada usuario. Este ano en concreto, son dúas as novidades principais as que os contribuíntes terán dereito.
Unha delas será para as familias galegas con dous fillos ao menos a cargo, que serán consideradas para este caso como numerosas, e que poderán obter unha dedución fiscal. Esta medida pode, segundo apunta Aneiros, paliar os custos familiares e fomentar a natalidade.
A outra gran novidade é para os autónomos, este colectivo está neste exercicio obrigado a realizar a declaración da renda independentemente dos seus beneficios económicos.
"Isto débese a un cambio na cotización dos autónomos, polo que agora tributarán en base aos seus ingresos", salientaba Aneiros na Radio Galega.
Recalcaba ademais o cambio tamén para os contribuíntes con dous ou máis pagadores, para os que o límite de obriga ascende a 15.000 euros, fronte aos 14.000 do exercicio anterior.