As once toneladas de cocaína incautadas en Galicia e Valencia nunha semana, a vista de dron
As once toneladas de cocaína incautadas en Galicia e Valencia nunha semana, a vista de dron
A maior parte entrou polo porto de Vigo e foi incautada nun almacén de Cambre
En total nas dúas operacións hai 20 detidos, a maior parte deles albaneses
As mafias crean organizacións de empresas para simular fluxos comerciais nos que camuflar os envíos de droga
A Brigada Central de Estupefacientes da Policía Nacional e a sección de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria escenificaron no complexo policial de Canillas, en Madrid, os seus últimos éxitos na loita contra o tráfico de cocaína. As once toneladas de droga expostas nunha praza proceden de dúas operacións independentes en Valencia e Galicia, pero con moitos puntos en común. O principal é que a droga entrou polos portos en contedores comerciais doutros produtos. O alixo de Galicia duplica o de Valencia. Foi incautado a semana pasada nun almacén frigorífico de Cambre despois de pasar polos portos de Alxeciras e Vigo.
"Nunha soa semana conseguimos quitar do mercado once toneladas de cocaína que se ía distribuír non só en España, senón en toda Europa".
As once toneladas expostas proceden de dúas operacións independentes en Valencia e Galicia, pero con moitos puntos en común. O principal é que a droga entrou polos portos en contedores comerciais doutros produtos. O alixo de Galicia duplica o de Valencia, segundo detallou o Comisario xefe da UDYCO, Antonio Martínez Duarte. Foi incautado a semana pasada nun almacén frigorífico de Cambre despois de pasar polos portos de Alxeciras e Vigo.
"Foi a maior aprehensión de cocaína dunha soa vez en Galicia, coa detención de cinco persoas".
Amais de amosar a droga, os responsables da policía e Aduanas explicaron como é o proceso que seguen os grupos criminais do chamado cártel dos Balcáns, que dominan o tráfico de droga por vía marítima, camuflada en fretes de todo tipo de mercadorías. Para o seu transporte alteran a estrutura dos contedores creando dobres fondos.
"Estas cantidades só as poden traficar os grupos albaneses, que se caracterizan polo envío de máis de tres toneladas sempre".
Din que estas organizacións criminais do centro e o leste de Europa están substituíndo os vellos cárteles de México ou Colombia, controlando o transporte e a distribución de orixe a destino. Na orixe destaca o papel relevante que está collendo nos últimos tempos Ecuador e na recepción resaltan as tramas empresariais que se crean para simular un fluxo comercial intenso que encubra os transportes ilegais. Neste contexto enmarcan tanto as empresas intervidas en Valencia como a nave frigorífica de Cambre. Malia que a investigación segue aberta e baixo segredo de sumario, para os responsables policiais non caben moitas dúbidas sobre os niveis de implicación dos empresarios detidos.
"É imposible traer 7.500 quilos de cocaína sen saber que levas 7.500 quilos de cocaína".