Expulsados da ABAU dous estudantes galegos por copiar
Expulsados da ABAU dous estudantes galegos por copiar
Un deles levaba un reloxo intelixente; o outro, unha chuleta clásica
Terán que ir á convocatoria extraordinaria de xullo
"Hai que ter mala sorte tamén, pero son consecuencias que tes que asumir antes de facelo".
"Decidín non arriscarme, mellor pan para hoxe que fame para mañá", comentan uns alumnos.
Iso mesmo deben estar pensando os dous alumnos que onte intentaron copiar nos exames da ABAU. A un deles collérono manipulando un reloxo intelixente. O outro levaba unha chuleta.
"Un alumno que vai preparado para copiar para nós hai que anularlle o exame", sentencia Celso Rodríguez, delegado da CIUG
Ambos os dous terán que ir á convocatoria extraordinaria de xullo. Dado o aumento no uso de dispositivos electrónicos, están facendo controis aleatorios con detectores de frecuencia. Non está prohibido levar móbil sempre e cando estea apagado.
"Avisaron de que poderían vir os da CIUG facer algún varrido, pero non vimos nada de momento", di un rapaz.
"Nós non os cacheamos, quero dicir, se o teléfono está apagado, nós non temos nada que dicir", apunta o delegado da Comisión Interuniversitaria.
O que si din é que non queren aprobados con trampa.
"Se nós non tomamos unha medida e el sobe a nota e entra nunha titulación, hai outro que queda fóra", continúa Celso Rodríguez.
O ano pasado en Galicia colleron 5 alumnos copiando, este ano van dous. A maioría pensa que non paga a pena arriscarse.
"Ao mellor si que é doado mirar ao do lado, copiar co móbil si que hai que ter os nervios de aceiro, copiar aquí co móbil si que é moi arriscado".
"Estás xogando un pouco o teu futuro, entón non creo que pague a pena, ademais é o traballo de todo un ano e se o levas ben preparadado tampouco creo que sexa necesario", comenta o alumnado.