Expulsan o alcalde de Samos do PSdeG por apoiar a candidatura do PP liderada polo fillo
Expulsan o alcalde de Samos do PSdeG por apoiar a candidatura do PP liderada polo fillo
O actual rexedor, Julio Gallego, anunciou que non se presentaría á reelección, mentres que o seu fillo será o candidato que encabece a lista do PPdeG
O grupo municipal do PSdeG en Samos rexistrou este mércores no Concello un escrito para deixar constancia do acordo para expulsar do mesmo o alcalde da localidade, Julio Gallego, que “pasa desa forma para ser concelleiro non adscrito”.
Esta decisión prodúcese despois de que Julio Gallego anunciase que non se presentará á reelección e que apoiará a candidatura do seu fillo Miguel, que se presenta ás eleccións locais do 28 de maio como cabeza de lista do Partido Popular.
Os edís socialistas consideran “de extrema gravidade e incompatibles coa súa pertenza” ao grupo municipal “as declaracións realizadas publicamente” por Gallego, nas que “manifestou intereses e accións que van en contra do Partido Socialista”.
De feito, lembran que chegou mesmo a dicir “que apoiaría outra formación política para as eleccións do 28 de maio”.
Ao mesmo tempo, o PSdeG enxalzou a figura do seu candidato á alcaldía de Samos, José Antonio García, “para impulsar un proxecto para todos os veciños e veciñas”, que sexa capaz de “superar o Falcon Crest familiar que pretende montar o PP”.