Exteriores envía avións militares a Djibuti para evacuar os españois que están en Sudán
Exteriores envía avións militares a Djibuti para evacuar os españois que están en Sudán
Polo de agora, os aparellos non poden aterrar debido aos fortes combates
O Goberno contactou con 60 nacionais no país africano
O ministro español de Exteriores, José Manuel Albares, afirmou este venres en Berlín que está "todo listo" para a evacuación duns 60 españois desde Sudán.
Defensa enviou xa dous avións militares a Djibouti e ten preparado un terceiro. Nese país agardarán a que se dean as condicións para poder aterrar en Sudán.
"Témolo todo listo, hai avións militares do Exército español preposicionados para o momento en que se dean as condicións, pero agora desgraciadamente non se dan para que poidan aterrar e poidan trasladar 60 españois e 20 doutras nacionalidades", declarou Albares.
"Entramos en contacto con todos os españois", afirmou o ministro.
O Goberno insiste en que ten os españois da zona localizados. Pero fixo tamén un chamamento para que se algún non recibiu chamada da embaixada, se poña en comunicación co teléfono de emerxencia consular.
Atópanse ben e en espazos seguros
Os españois atópanse nas súas casas ou outros espazos localizados, aínda que contan con dificultades para moverse, dada a guerrilla urbana entre o Exército sudanés e o grupo paramilitar Forzas de Apoio Rápido (FAR).
O Ministerio de Asuntos Exteriores recomenda a todos os españois que se atopen no país que permanezan nas súas casas ou aloxamentos e eviten todo desprazamento ao exterior e informa de que tanto o aeroporto de Xartum como as fronteiras terrestres están pechadas.
Conflito dende o sábado
Os enfrontamentos comezaron o sábado no medio de conversacións sobre unha reforma do Exército e a integración do grupo paramilitar Forzas de Apoio Rápido (FAR) no mesmo, dentro dun proceso político para devolver a Sudán á senda democrática tras o golpe de Estado militar de 2021.
Polo menos 413 persoas morreron e 3.551 resultaron feridas en Sudán desde o comezo do conflito entre o exército dese país e as FAR, segundo o último reconto da OMS.