Facenda abordará en febreiro a condonación parcial da débeda das comunidades
Facenda abordará en febreiro a condonación parcial da débeda das comunidades
María Jesús Montero descarta un fondo para compensar as catro comunidades infrafinanciadas
Os presidentes de Andalucía, Comunidade Valenciana, Murcia e Castela-A Mancha reclaman ao Goberno central máis de 3.000 millóns de euros
Esta semana Fedea confirmaba que hai catro comunidades infrafinanciadas e púxolle cifra á debeda: case 3.300 millóns. Son Andalucía, a Comunidade Valenciana, Murcia e Castela-A Mancha. Os seus catro presidentes, tres do PP e un do PSOE, aproveitaron o encontro en Fitur para poñerse de acordo e reclamarlle ao Goberno central eses cartos.
Pero a ministra de Facenda non contempla incluír nos vindeiros presupostos xerais un fondo para compensar esas comunidades, a pesar de que si está recollido no pacto de goberno asinado polo PSOE e Sumar.
No seu lugar, María Jesús Montero proponlles ás comunidades, a todas as do réxime xeral, unha condonación de parte da súa débeda semellante á acordada con Cataluña. As reunións comezarán en febreiro.
Para a titular de Facenda, "é de sentido común que cando outro asume ese endebedamento, estase dando máis capacidade, máis autonomía, máis liberdade ás comunidades autónomas para que poidan saír ao mercado en condicións de igualdade co resto de administracións".
Este xoves no Congreso, Montero tamén volveu poñer no horizonte a reforma do financiamento autonómico, unha lei orgánica que precisa do apoio da oposición para saír adiante. Recordou que o presidente do Goberno ofreceulle ao líder da oposición traballar conxuntamente nesta materia, "sen que ata a data tivésemos resposta do PP", apuntou.
Alberto Núñez Feijóo si falou hoxe do asunto nun almorzo informativo, para esixir "unha reforma do financiamento autonómico que naza dun consenso, con altura de Estado, e non dunha chantaxe contra o Estado".
A ministra de Facendo tamén anunciou que a Comisión Europea vai autorizar estes días a transferencia a España de 1.300 millóns en préstamos.
A Xunta insta o Goberno a convocar a Conferencia de Presidentes
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reiterou a súa petición ao Goberno de que convoque unha Conferencia de Presidentes e un Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) se non quere que se celebren 'minicumios' sobre financiamento autonómico ocorreu este mércores en Fitur.
Na conferencia de prensa tras o Consello de la Xunta, respondeu sobre esta reunión informal na feira de turismo entre os presidentes da Generalitat Valenciana, Castela-A Mancha, Andalucía, e Murcia, que non lle "estraña" e "se ao Goberno non lle gustan este tipo de reunións teno moi fácil: convóquenos a todos e tentemos acordar entre todos".
Rueda criticou que se están producindo "acordos e transferencias económicas bilaterais" coa Generalitat de Cataluña, en lugar de "falar entre todos" como queren tanto as comunidades do PP e moitas do PSOE, tal e como cre que reflicte o acordo que houbo en Santiago de Compostela sobre financiamento autonómico en 2021.