Facua denuncia sete grandes cadeas por non repercutir a rebaixa do IVE
Facua denuncia sete grandes cadeas por non repercutir a rebaixa do IVE
O maior número de anomalías detectouse en Dia
A organización de consumidores Facua denunciou ante a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia sete grandes cadeas de distribución por non repercutir a rebaixa do IVE a todos os alimentos afectados pola medida aprobada polo Goberno, en vigor desde o 1 de xaneiro.
Facua revisou a evolución de 676 prezos en Alcampo, Aldi, Carrefour, Dia, Eroski, Lidl e Hipercor (as 7 denunciadas), ademais de Mercadona, a través dunhas análises que levou a cabo entre os días 30 de decembro e 3 de xaneiro. No estudo detectáronse 52 casos nos que non se aplicou unha baixada no prezo equivalente á do IVE, xa que 34 prezos son idénticos que ao finalizar o ano, 11 non repercutiron a totalidade da rebaixa fiscal e 7 son mesmo máis elevados.
O secretario xeral de Facua, Rubén Sánchez, informou este xoves de que na maior parte dos casos cobrouse aos consumidores o mesmo importe que antes da baixada do IVE, co que aumentou da marxe de beneficio do establecemento. O maior número de anomalías detectouse en Dia, con catorce irregularidades nos 81 prezos comparados; seguida de Carrefour, onde dos 113 prezos analizados non repercutiu a baixada do IVE en once casos; Eroski, con oito prezos incorrectos dun total de 92 avaliados; e Alcampo, con seis prezos irregulares de 96. En Lidl tamén se detectaron outros seis prezos máis elevados nun total de 70 produtos comparados, mentres que en Aldi foron denunciados cinco casos de 64 avaliados e en Hipercor só se atopou unha irregularidade en 76 produtos, mentres que en Mercadona non se detectou ningunha anomalía.
Tamén hai produtos en que o prezo de venda ao público é mesmo superior ao dos días previos á entrada en vigor da medida, á vez que se detectaron casos en que a baixada é inferior á que debería aplicarse e mesmo prácticas incorrectas de redondeo á alza para sumar algún céntimo, cando debería ser á baixa.