Falar do suicidio para non ter que falar del
Falar do suicidio para non ter que falar del
307 persoas suicidáronse en Galicia en 2020
Falar del socialmente e coñecer os sinais de alarma son vitais para previlo
Voluntarias da Asociación Andaina, de persoas cunha enfermidade mental e as súas familias, saíron á rúa para dar a coñecer o programa de prevención do suicidio que están a levar a cabo nas comarcas de Ordes e de Ulla-Sar, como conta Verónica Verdía, socióloga da asociación.
"Primeiro, diminuír o tabú sobre o suicidio, ofrecer cifras para decatarse da relevancia do problema, informar sobre sinais de alarma, como facer un acompañamento axeitado e dar a coñecer os recursos de apoio existentes"
As persoas que se achegan a eles agradecen que se fale de suicidio en púiblico.
"Paréceme moi ben porque creo que hai moi pouca información a nivel xeral e nos centros de saúde" di unha e outra engade "se non se ve, como unha perna rota, non estamos enfermos".
"Non hai facultativos, segue outra, para pedir cita nun psiquiatra faiche falta un ano e psicólogos xa non hai. Debería mirarse porque a sanidade está descoidada, sobre todo, a pública" protesta outra persoa.
Falar axuda á prevención e tamén coñecer os sinais de alarma como os que nos indica Verónica Verdía, tanto verbais como de conduta.
"Frases directas ou indirectas sobre a intención, desgusto, desesperanza ante a vida. Cambios bruscos de humor, cambios no sono, aumento do consumo de substancias..."
307 persoas suicidáronse en Galicia durante 2020, segundo datos do IMELGA. A zona con maior incidencia é a comarca de Santiago. A taxa é de 13 suicidios por cada cen mil habitantes, moi por riba das medias española e europea.