Falece Archie, o neno británico en morte cerebral, tras retirarlle o soporte vital
Falece Archie, o neno británico en morte cerebral, tras retirarlle o soporte vital
A desconexión das máquinas do neno de 12 anos, en coma tras participar nun reto viral, prodúcese tras dous meses de batalla legal entre os pais, que se opuñan, e o hospital onde estaba ingresado
O neno británico Archie Battersbee, que estaba en morte cerebral desde abril e que foi obxecto dunha batalla xudicial por parte da familia para mantelo con vida, morreu este sábado despois de que lle retiraran os mecanismos de respiración asistida. Así o comunicou a súa nai.
O menor, de 12 anos, nun caso que concitou a atención mediática, faleceu pasado o mediodía no hospital Royal London, no leste de Londres.
A retirada do soporte vital realizouse esta mañá, tras unha amarga batalla legal dominada polos límites da medicina, da ética xurídica e a responsabilidade familiar. Os seus pais dixeron ante o hospital que o seu fillo "loitou ata o final".
A familia mantivo ata este venres pola noite un pulso legal contra o hospital londiniense onde Archie permaneceu ingresado estes meses pero, esgotadas todas as vías da xustiza, aos seus pais non lles quedou outro remedio que asumir que o ventilador e os fármacos que recibían serían retirados, contra a súa vontade, no hospital.
O pequeno ingresou neste centro o 8 de abril, un día despois de que a nai o encontrara inconsciente. Archie foi localizado cunha corda atada arredor da cabeza e estímase que puido sufrir un accidente cando participaba nun reto viral polas redes sociais.
A campaña protagonizada pola familia, especialmente pola nai do pequeno, captou durante semanas a atención dun país onde nos últimos anos outros casos semellantes xa polarizaran un delicado debate entre a compaixón e a responsabilidade do sistema na protección dos máis vulnerables.
Despois de varios recursos nos tribunais británicos e da intervención do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, que deron a razón ao hospital, a familia intentou tamén sen éxito nos últimos días obter permiso para ingresar a Archie nun hospicio para morrer nese lugar, lonxe do ruído do Royal London.
Durante os procesos xudiciais, os xuíces británicos reiteraron que continuar ofrecendo apoio vital ao neno era "contrario aos seus mellores intereses".
A xuíza Lucy Thei, da división familiar do Superior de Londres, destacou ao denegar o traslado ao hospicio, o "amor incondicional e a dedicación" da familia e engadiu que agardaba que o neno tivese a oportunidade de morrer en paz.
O estado de Archie era tan inestable que simplemente movelo na cama do hospital, como parte dos coidados diarios, xa entrañaba perigo, polo que había posibilidades certas de que o pequeno falecese en pleno traslado.