Falece Dorothé Schubarth, quen revolucionara a investigación da música popular galega
Falece Dorothé Schubarth, quen revolucionara a investigación da música popular galega
A etnomusicóloga suíza é coautora do Cancioneiro popular galego, canda o filólogo Antón Santamarina, considerada como o máis amplo repertorio da música de tradición oral de Galicia
A etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth faleceu este mércores nun hospital de Basilea aos 80 anos.
Desde comezos dos anos 70 destacou polos seus estudos da música popular Europea e tivo especial atención pola propia de Galicia. Canda o filólogo Antón Santamarina, asinou a obra Cancioneiro popular galego, publicada en 1984.
Foi tras un traballo de campo inxente por todo o territorio do país, onde recolleu na súa gravadora a memoria de tantas persoas. Un labor que iniciaba en 1978 tras chegar a Galicia por primeira vez.
Esa obra está considerada como o máis amplo repertorio da música de tradición oral de Galicia. As cintas orixinais que gravou Schubarth forman parte dos fondos do Arquivo do Patrimonio Oral e das Identidades do Museo do Pobo Galego.
Segundo destaca o Consello da Cultura Galega: "O seu nome leva anos a se reivindicar como a peza clave que permitiu o coñecemento sistemático do noso patrimonio sonoro".
Na institución destacan que protagonizou a primeira edición do Día das Galegas nas Letras en 2016. Ademais, recibiu o Premio de Honra da Asociación de Músicas ao Vivo, que se suma a outros recoñecementos coma o Pedrón de Honra, o Andaina Senlleira dos Premios Opinión, o Premio da Crítica Galicia ou o Mestra da Memoria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.