Falece Marisol Vence, redactora de informativos da TVG
Falece Marisol Vence, redactora de informativos da TVG
Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, Marisol Vence desenvolveu a súa tarefa profesional nesta casa desde o ano 1992
Esta noite pasada faleceu a xornalista Marisol Vence, redactora dos servizos informativos de Televisión de Galicia.
Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, Marisol Vence desenvolveu a súa tarefa profesional nesta casa desde o ano 1992. Nos últimos anos dedicábase, sobre todo, á información do tráfico durante a fin de semana, unha tarefa non sempre agradable de facer, pero Marisol sempre destacou por unha pulcritude e corrección extremas.
Era desas persoas que sostén a televisión dende dentro, case sempre detrás da cámara, facendo do seu día a día un traballo en que ela non era a protagonista, pero desenvolvía un labor indispensable.
Antes desa data traballou en varios gabinetes de comunicación da Xunta de Galicia. O seu velorio está no Tanatorio Pontevedra, San Mauro.
Nesta casa sempre lembraremos o seu permanente sorriso e a súa capacidade de facer ameno o tempo de traballo que compartimos con ela.
Grazas, Marisol!