Falece o doutor Cobián, médico do Deportivo entre 1991 e 2007
Falece o doutor Cobián, médico do Deportivo entre 1991 e 2007
Padecía un cancro de pulmón, detectado en novembro do 2020
César Cobián (A Coruña, 26 de outubro de 1957), médico do R. C. Deportivo durante case dúas décadas, faleceu aos 64 anos de idade.
O doutor Cobián estivo vinculado ao club entre 1991 e 2007, polo que formou parte do equipo que conquistou os seis títulos oficiais do Deportivo. Cobián comezou traballando de xeito conxunto co doutor Barbeito Couceiro ata que tras a xubilación deste, en 1994, asumiu a coordinación dos Servizos Médicos do R. C. Deportivo.
Cobián abandonou o R. C. Deportivo no verán de 2007, cando xa levaba oito anos compartindo labores co doutor Barral, para mudarse á Comunidade Valenciana. Alí, o doutor Cobián tamén dirixiu os servizos médicos de C. D. Castellón, Hércules C. F., C. D. Alcoyano e Orihuela C. F.
O galeno coruñés tamén foi responsable médico da Federación Galega de Natación, do OAR de balonmán e da selección de fútbol de Guinea Ecuatorial durante a Copa de África de Nacións de 2012, membro da Comisión Antidopaxe do Consello Superior de Deportes e presidente da Asociación Española de Médicos de Fútbol.
Hai pouco máis dun ano, o doutor Cobián deixaba o seu traballo no Hospital IMED de Elxe para regresar á súa cidade e iniciar un tratamento contra un cancro de pulmón que desgraciadamente non puido superar.
#SempreConNós | Falece o doutor Cobián, médico dos seis títulos d #anosahistoria https://t.co/HP0AkWZgGd #DEP pic.twitter.com/2yyitizlqu
— RC Deportivo (@RCDeportivo) December 28, 2021