Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre o papa Bieito XVI

Morre o papa Bieito XVI

O pontífice emérito faleceu aos 95 anos no mosteiro Mater Ecclesiae do Vaticano, onde residía

A capela ardente instalarase na basílica de San Pedro o 2 de xaneiro e o funeral celebrarase o xoves

G24.gal 31/12/2022 10:47 Última actualización 01/01/2023 12:47

O papa emérito Bieito XVI morreu hoxe, ás 9:35 horas, aos 95 anos de idade no mosteiro Mater Ecclesiae do Vaticano, onde residía desde a súa histórica renuncia ao pontificado no ano 2013.

"Con pesar dou a coñecer que o papa emérito Bieito XVI faleceu ás 9:34 horas no mosteiro Mater Ecclesiae do Vaticano", reza a nota oficial do Vaticano na que confirma o seu falecemento en seis idiomas.

A preocupación polo estado de saúde do papa e teólogo alemán fíxose pública o mércores 28 de decembro, cando o seu sucesor, Francisco, recoñeceu que estaba "moi enfermo" e pediu "unha oración especial" ás persoas que asistían á súa audiencia xeral.

A capela ardente instalarase na basílica de San Pedro do Vaticano o vindeiro luns, 2 de xaneiro, segundo confirmou a Santa Sé nun comunicado. O papa Francisco presidirá o funeral o xoves, 5 de xaneiro, ás 9:30 horas.

"Candea que se apaga"

O secretario persoal do pontífice emérito, monseñor Georg Ganswein, afirmara en repetidas ocasións nos últimos anos que era como "unha candea que se apaga lenta e serenamente".

De acordo co Vaticano, Bieito XVI estaba "absolutamente lúcido e atento" nos días previos ao seu falecemento e incluso puido asistir a unha misa celebrada no seu cuarto.

Bieito XVI decidira pasar estes momentos no mosteiro onde residía, rodeado pola súa "familia" vaticana: o seu secretario, un médico, un enfermeiro e catro mulleres laicas consagradas do instituto Memores Domini, que pertence ao movemento Comuñón e Liberación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade