Falece o xornalista galego Pepe Domingo Castaño aos 80 anos
Falece o xornalista galego Pepe Domingo Castaño aos 80 anos
Morreu esta noite de xeito repentino nun hospital de Madrid
O xornalista galego Pepe Domingo Castaño faleceu esta madrugada de xeito repentino aos 80 anos nun hospital de Madrid. Nado o 8 de outubro de 1942 en Lestrove, no concello de Dodro, trasladouse a Padrón sendo neno e viviu alí a súa infancia e parte da xuventude.
Durante as últimas décadas, Castaño converteuse nunha das voces máis recoñecidas da radio española, sobre todo no ámbito deportivo.
Presentador-animador do programa "Tiempo de Juego" da Cadea Cope, traballou tamén na Ser, na TVE ou na TVG, onde presentou o primeiro programa en prime time, "Boa Noite", que comezou a emitirse o 2 de setembro de 1985.
Hai pouco, a localidade de Padrón, dedicoulle a praza na que xogaba cando era neno. Tamén foi nomeado fillo predilecto de Dodro, o seu concello natal.
Os seus inicios
Castaño comezou a traballar con 18 anos en Radio Galicia. Despois daría o salto a Madrid buscando unha carreira como cantante. Presentou programas musicais ata finalmente consagrarse nos carruseis deportivos.
Entre os numerosos galardóns cos que conta están catro premios Onda, dúas antenas de ouro e un Premio Nacional do Deporte.
Capela ardente
Dende a súa chegada ao tanatorio madrileño de Pozuelo, a viúva e os fillos de Pepe Domingo Castaño estiveron arroupados en todo momento por moitos amigos que o veterano xornalista deixa na radio e na profesión.
Os que o trataron de preto falan dun ser xeneroso, extraordinario e irrepetible. As reaccións a morte repentina do xornalista galego exceden o mundo da comunicación.
Tras o velorio e a súa incineración en Madrid, o fillo predilecto de Padrón volverá á vila onde se criou e onde descansa a súa nai.