Falece un condutor no Porriño tras sufrir un aparatoso accidente na A-55
Falece un condutor no Porriño tras sufrir un aparatoso accidente na A-55
O condutor, un cidadán portugués de sesenta anos, faleceu no acto
O accidente ocorreu pouco antes das oito da mañá no quilómetro 22 da A-55, á altura da parroquia de San Salvador de Budiño, no Porriño. O condutor, un cidadán portugués de sesenta anos, circulaba en sentido Vigo e, por causas que se descoñecen, perdeu o control do vehículo nunha curva batendo contra a barreira de protección.
Foi un particular que deu aviso ao 112 Galicia de que había un vehículo envorcado na A-55 e informaba de que non podía acceder ao único ocupante, atrapado no interior.
Ata o lugar desprazáronse os servizos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, Policía Local, Protección Civil do Porriño e os bombeiros do Porriño e Vigo, que tiveron que liberar a vítima, que faleceu no acto, de entre os ferros.
Ata a retirada do vehículo implicado, o accidente obrigou ao peche temporal dun dos carrís de circulación da vía, o que provocou algunhas retencións e tráfico máis lento na zona.
A Garda Civil deberá completar a investigación, pero non se descarta que o exceso de velocidade e o desgaste dos pneumáticos do vehículo poidan estar relacionados coas causas do sinistro.