Falece un home ao quedar atrapado nunha máquina de cortar madeira en San Cristovo de Cea
Falece un home ao quedar atrapado nunha máquina de cortar madeira en San Cristovo de Cea
Os servizos sanitarios só puideron confirmar o seu falecemento
Novo accidente con maquinaria agrícola. Desta vez sucedeu no concello ourensán de San Cristovo de Cea. Un home de 67 anos falecía onte á tarde ao quedar atrapado nunha máquina de cortar madeira.
Os veciños din estar impactados polo acontecido. O seu veciño Antonio falecía neste tráxico accidente, ocorrido pasadas as sete e media da tarde nun pendello do lugar de Anllo, na parroquia de Castrelo.
"Foi mala sorte que unha das leñas moi grande caeulle a metade ao chan e ao collela coido que perdeu o equilibrio e a punta do aparato ese metéuselle no pescozo. Eu cando o vin cos ollos abertos botei a correr buscar a veciña e díxenlle: 'Mira Virginia, Toñito fóiseme xa'. Vimos correndo, chamamos a ambulancia e a garda civil, e iso foi o que aconteceu", lembra Marcial Suárez, testemuña do accidente.
A máquina que utilizaba para partir leña comprouna hai pouco. Engánchase ao tractor e cunha cuña afiada parte os troncos de xeito horizontal. Din os veciños que foi un accidente fatal porque el estaba afeito a facer este tipo de traballos.
"Estaba picando leña cun aparato que lle chaman fuso, que é coma un parafuso. E parece ser que lle caeu un pedazo de leña o chan, e cando o foi coller enganchóuselle a roupa no fuso, envolveuno e alí quedou. Levaba anos facéndoo, mesmo traballaba para vender a madeira. Agora xa non o facía porque estaba xubilado, pero foi un accidente e os accidentes son así. Foi un descoido e os accidentes son iso, descoidos", conta Felipe, un dos seus veciños.
Por iso, din, convén extremar a precaución e estar sempre acompañados. "O do fuso é bastante complicado porque iso acostuma matar a moita xente, e accidentes diso hai moito. É un rodete que vai conectado ao tractor para podela ir partindo, pero claro, iso pódete envolver moi fácil. Para ben ten que estar outra persoa máis, por se pasa algo para apagar o tractor", apunta outro dos veciños de Anllo.