Publicador de contidos
Publicador de contidos

Falece un home e a muller queda en estado crítico polo incendio na súa casa en Carnota

Falece un home e a muller queda en estado crítico polo incendio na súa casa en Carnota

Os dous foron trasladados á unidade de queimados do CHUAC, onde o home faleceu esta mañá e a muller permanece ingresada

G24.gal 19/09/2023 16:27

Un home faleceu e unha muller está en estado crítico polas queimaduras moi graves que sufriron no incendio declarado na súa vivenda en Carnota. O lume estivo precedido dunha explosión que se produciu mentres manipulaban unha rozadoira con depósito de combustible.

Tanto o home como a muller foron trasladados de urxencia ao hospital de Cee, desde onde foron derivamos á unidade de queimados do CHUAC, pero o home faleceu na mañá deste martes.

O incendio orixinouse na entrada da casa, onde a parella que residía aquí tiña un depósito con combustible para a rozadoira. A hipótese que barallan é que fora a explosión desa garrafa a que provocou o incendio.

Ao escoitar o estoupido e ver o fume, os veciños saíron ao auxilio. Contan que xa estaban en alerta porque a parella levaba un tempo cunha forte discusión á porta da casa. Xusto ao carón viven a nai e o fillo do home, e foi el o que conseguiu forzar a porta e sacar a rastro o pai, xa completamente queimado.

Os servizos de emerxencias de Muros foron os primeiros en chegar, e entraron á vivenda socorrer a muller, que se refuxiara no piso de arriba. Cren que subiu para tentar apagar a roupa cunha manta. 

Asistiron tamén os bombeiros de Cee e ambulancias de Muros e Mazaricos. Trasladáronos ao hospital de Cee e despois á unidade de queimados do CHUAC.

A muller, de 49 anos, ten queimaduras de terceiro grao no 95 por cento do corpo. Segundo confirmou o fillo, o home, de 52, faleceu vítima das queimaduras de terceiro grao no cen por cento do corpo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade