Falece unha muller en Caión, A Laracha, ao caer por un desnivel de 9 metros
Falece unha muller en Caión, A Laracha, ao caer por un desnivel de 9 metros
A vítima mortal, de 80 anos, estaba na leira da súa casa e esvarou
Unha muller de 80 anos morreu este sábado ao sufrir unha caída por un desnivel de nove metros cando estaba na leira da súa casa, situada en Caión, no concello da Laracha.
O tráxico suceso, que activou o aviso ao 112, rexistrouse contra as 09:00 horas da mañá deste sábado no lugar da Pedreira.
Sucedeu na vía que enlaza coa zona urbana de Caión. Agora investíganse as causas polas que a muller perdeu o equilibrio e se precipitou ao baleiro por un pronunciado cavorco duns nove metros cara á beiravía da estrada que enlaza Caión coa Laracha, Arteixo e Carballo.
Os servizos de emerxencia atoparon o corpo xunto a unha curva de elevada pendente e moi pronunciada. Ata o lugar desprazáronse axentes da Policía Local e da Garda Civil da Laracha, voluntarios de Protección Civil da localidade e sanitarios e persoal do 061.
Só puideron certificar o falecemento da muller. A autoridade xudicial ordenou o levantamento do cadáver e agora realizaranlle a autopsia nun hospital para determinar as causas da morte.