Falece unha muller de 53 anos no incendio dun piso en Oleiros
Falece unha muller de 53 anos no incendio dun piso en Oleiros
Foron os veciños os que alertaron do suceso sobre as 3:00 horas deste xoves nun inmoble da rúa Beiramar
Segundo informou o 112, os servizos de extinción "observaron que o lume puido iniciarse na habitación, e estendeuse ao baño e ao salón comedor"
Unha muller de 53 anos morreu esta madrugada tras declararse un incendio na súa vivenda en Oleiros. Foron os veciños os que alertaron do suceso sobre as 3:00 horas deste xoves nun inmoble da rúa Beiramar.
#AXEGAInforma dunha nova vítima mortal.
— 112Galicia (@112Galicia) March 7, 2024
➡️Unha muller foi localizada sen vida nunha vivenda arrasada por un incendio.
📍Rúa da Beiramar, #Oleiros
🚨 Urxencias Sanitarias de Galicia-061, @BArteixo, Grupo Municipal de Emerxencias, Protección Civil, Policía Local, @guardiacivil pic.twitter.com/R6n0YKHUEV
Cando chegaron os servizos de emerxencia, os veciños estaban na rúa, agás os residentes do piso superior, por indicación dos bombeiros, quedaron na súa vivenda ao non darse as condicións para poder saír de forma segura.
Sen perder un intre, avisáronse uns aos outros, e tamén os servizos de urxencias. Entrementres, algúns dos veciños intentaron, sen éxito, alertar a vítima.
"Tiña a chave por dentro, así que non nos quedou outra que rebentar a porta. Pero saía moito fume e, ao ver que non podiamos facer nada, baixamos á rúa e agardamos a que chegaran os bombeiros", explica un veciño.
"Os veciños actuaron moi ben. Baixaron todos á rúa, agás os do andar superior que, por recomendación, quedaron confinados na súa casa porque había moito fume", engade Juan Suárez.
Como consecuencia do sinistro, faleceu a muller que ocupaba o piso afectado, que resultou con importantes danos e quedou, segundo fontes municipais, "inservible". Fontes do 061 Galicia informaron de que desprazaron ao lugar unha ambulancia de soporte vital básico e un equipo de Atención Primaria. Con todo, os profesionais só puideron confirmar o falecemento da muller.
"Atopámola tombada na casa, estaba durmindo", di Juan Suárez, coordinador do Servizo de Emerxencias de Oleiros.
Unha vez extinguidas as chamas e ventilado o inmoble, os veciños puideron regresar aos seus domicilios. De momento descoñécense as causas que orixinaron o lume, e xa se abriu unha investigación.
Segundo informou o 112, os servizos de extinción "observaron que o lume puido iniciarse no cuarto, e estendeuse ao baño e ao salón comedor".