Falece un mozo de 18 anos en Touro ao ser atropelado por un autobús
Falece un mozo de 18 anos en Touro ao ser atropelado por un autobús
O sinistro produciuse á primeira hora da mañá deste primeiro día do ano na rúa onde está a sala de festas Dona Dana, onde esta madrugada centos de persoas celebraron o inicio do ano
Todo apunta a que o autobús golpeou a vítima mentres manobraba e o condutor non se decatou do sucedido e continuou coa marcha
Un mozo de 18 anos, Nicolás Sánchez Trillo, veciño de Sigüeiro, morreu este mércores, 1 de xaneiro, logo de ser atropelado por un autobús na localidade coruñesa de Touro.
Segundo informa o servizo de emerxencias 112Galicia, o suceso ocorreu contra as 7:00 horas desta mañá.
O 112 foi advertido por un particular que informaba dun atropelo na rúa de Castelao, onde se atopa a coñecida sala de festas Dona Dana, onde esta madrugada centos de persoas celebraban o comezo do ano.
De feito, o autobús era un dos trasladaba persoas de volta logo da festa de Noitevella, e a vítima era unha das que previsiblemente ía usar ese servizo para a volta á casa.
Decontado, pasaron o aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Touro.
Os servizos de emerxencias desprazados ata a zona confirmaron o falecemento da vítima, sen que non puidesen facer nada por salvarlle a vida.
As circunstancias do suceso están a ser investigadas, segundo explicaba Antonio Rodríguez, tenente xefe do Destacamento de Tráfico da Coruña, quen confirmaba que a familia do rapaz xa fora informada do suceso.
O tenente Rodríguez facía ademais un chamamento para extremar as precaucións como peóns cando se aproximan a vehículos de maior tamaño que dificultan a visibilidade do condutor.
De feito a principal hipótese que se baralla é que o autobús golpeou á vítima mentres realizaba unha manobra e o condutor, que deu negativo nas probas de alcol e drogas, non se decatou do ocorrido e seguiu coa marcha. Máis tarde soubo do sucedido cando o vehículo foi localizado pola Garda Civil na Laracha, onde se examinou o autobús, que presentaba restos de sangue.
Nicolás, a vítima deste atropelo, era un mozo ben coñecido na súa vila, en Sigüeiro, onde xogaba ao fútbol e era voluntario da agrupación de Protección Civil do Concello de Oroso, que este mércores trasladaba o seu pesar polo pasamento.
As bandeiras do concello penden a media hasta, decretouse loito oficial e este xoves gardarase un minuto de silencio.