Publicador de contidos
Publicador de contidos

Falecen 10 bebés e outros 16 quedan feridos no incendio dun hospital na India

Falecen 10 bebés e outros 16 quedan feridos no incendio dun hospital na India

Todo apunta a que foi por un curtocircuíto dentro do concentrador de osíxeno da unidade de coidados intensivos neonatais

G24.gal 16/11/2024 09:16 Última actualización 16/11/2024 09:39

Polo menos dez bebés faleceron e outros 16 están gravemente feridos tras un incendio que tivo lugar entre a noite do venres e a madrugada do sábado nun hospital do norte da India, segundo confirman aos medios as autoridades locais.

O incendio declarouse o venres ás 22:45 horas na unidade de coidados intensivos neonatais do Hospital Maharani Laxmi Bai Medical College da localidade de Jhansi, no estado de Uttar Pradesh, confirmou o maxistrado do distrito, Avinash Kumar.

As forzas de seguridade rescataron 44 das 54 criaturas, a maioría acabadas de nacer, que se atopaban neses momentos na unidade de coidados intensivos do centro.

As autoridades aínda descoñecen as causas definitivas do incendio pero todo apunta a que foi por un curtocircuíto dentro do concentrador de osíxeno da sala afectada. Os 16 bebés que sobreviviron ao incendio sufriron feridas e están a ser atendidos en hospitais locais.

Tanto a presidenta da India, Draupadi Murmu, como o primeiro ministro, Narendra Modi, expresáronlles as súas condolencias ás familias afectadas. De igual xeito, recalcaron que se están a facer todos os esforzos posibles para que o número de vítimas non aumente.

"O incidente do incendio (en Uttar Pradesh) é arrepiante. O meu máis sentido pésame a quen perdeu os seus fillos inocentes. Rogamos a Deus que lles dea a forza para soportar esta inmensa dor. Baixo a supervisión do Goberno estatal, a Administración local está a facer todos os esforzos posibles para socorro e rescate", dixo nunha mensaxe publicada no seu perfil oficial da rede social X a Oficina do primeiro ministro Modi.

Incendios, derrubas e outro tipo de accidentes son habituais na India, onde as infraestruturas sanitarias non contan sempre coas mellores condicións iniciais de construción nin de mantemento.

En maio, sete bebés morreron nun hospital infantil de Nova Deli nun incendio similar ao ocorrido este domingo en Uttar Pradesh.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade