Familiares de vítimas do Pitanxo critican que o Goberno envíe un barco ao Canadá "sen avisar"
O oceanográfico Vizconde Eza partirá do porto de Vigo para estudar o caladoiro de Terra Nova
As familias piden que incorpore un robot submarino e un sonar para buscar e analizar os restos do naufraxio
O domingo o buque oceanográfico Vizconde Eza partirá do porto de Vigo rumbo ao caladoiro de Terra Nova, a mesma zona onde se afundiu o Villa de Pitanxo. Serán 3 meses de traballo científico e non está prevista a busca dos restos do pesqueiro sinistrado.
As vítimas das vítimas amósanse indignadas. Din que a decisión é unha falta de respecto e de desprezo ás vítimas. Non comprenden a razón pola que non se aproveita a viaxe do buque e a tecnoloxía que posúe para buscar o pecio e axudar a esclarecer as causas do afundimento. Anuncian mobilizacións e piden que o Goberno reverta esta decisión.
"É a pinga que colmou o vaso", sinalou este venres a portavoz deste colectivo, María José de Pazo, que avanzou que os familiares se manifestarán a próxima semana en Madrid para protestar pola actitude "totalmente inaceptable" do Goberno.
O Vizconde de Eza partirá do porto de Vigo o vindeiro domingo 5 de xuño levando a bordo científicos do Instituto Español de Oceanografía, do Instituto de Investigacións Mariñas e do Instituto Português do Mar e da Atmosfera.
Realizarán prospeccións en Terra Nova durante o próximos tres meses para estudar recursos pesqueiros de interese para a frota española como o bacallau ou o fletán negro.
Non levarán, con todo, os medios técnicos necesarios para, como demandan as familias dos falecidos, baixar ata o pecio afundido con robots submarinos para tomar imaxes, comprobar se hai corpos no seu interior e aclarar as causas do naufraxio.
"Levamos meses dicindo que hai medios en España, que hai buques do Oceanográfico que van a Terra Nova desde hai décadas", lembrou De Pazo, que reclama que se paralice a saída deste barco que, segundo apuntou, "pode levar o robot e un sonar".
A portavoz das familias do Villa de Pitanxo criticou a "pasividade" do Goberno porque "sabendo os prazos limitados que temos, nin nos avisan, nin contactan connosco e nin sequera coa Xunta, que se ofreceu a financiar a operación".