Publicador de contidos
Publicador de contidos

Nervios no comezo do xuízo do crime da pequena Desirée, entre berros e un intento de agresión á nai

Nervios no comezo do xuízo do crime da pequena Desirée, entre berros e un intento de agresión á nai

A acusación particular di que a acusada “sabía o que facía”

Fiscalía e acusacións piden para ela prisión permanente revisable

Tensión á chegada ao xulgado de Ana Sandamil (EFE/ Eliseo Trigo)
G24.gal 07/02/2022 12:54

Axentes da Garda Civil tiveron que protexer a Ana Sandamil, a nai de Desirée Leal, á súa chegada á Audiencia Provincial de Lugo, dado que se viviron momentos de tensión cos familiares do pai, que se congregaron á porta da sede xudicial.

Algúns dos parentes que acompañaban o pai da nena empezaron a gritar á muller cando os axentes da Garda Civil que a custodiaron desde o centro penal a baixaron do furgón policial para conducila ao interior da Audiencia Provincial.

Acompañaron a súa entrada en sede xudicial os berros dos familiares da nena, que lle chamaron “filla de puta”, “asasina” e “asquerosa”.

Nese momento de tensión, tamén se produciu un intento de agresión, cando unha familiar achegouse á acusada e tentou tirarlle do pelo, aínda que foi separada polos axentes da Garda Civil que a custodiaban e os efectivos da Policía Nacional que vixían as portas da Audiencia.

Concentración ás portas da Audiencia Provincial de Lugo Concentración ás portas da Audiencia Provincial de Lugo

Foi o clímax dunha mañá de grande expectación polo comezo dun xuízo esperado durante case tres anos pola familia de Desirée Leal, que tiña sete anos cando apareceu sen vida na casa da presunta parricida. 

José Manuel Leal, pai da vítima: "Agardo que se faga xustiza de verdade. Xa non por min, senón pola pequeniña, que teño nunha caixiña nun cemiterio, coa brutalidade coa que lle arrebataron a vida". 

Cristina Leal, tía da vítima: "Moito tempo de espera, pero se ao final se fai xustiza, pois non é pasar páxina, pero é como un pequeno descanso. Que se faga xustiza por ela, e pola familia tamén, que o estamos pasando moi mal".

Tanto a Fiscalía como a acusación popular e maila acusación particular piden para Ana Sandamil a pena máxima, a prisión permanente revisable, como autora dun delito de asasinato con aleivosía coa agravante de parentesco.

Manuel Ferreiro, avogado da acusación particular: "A autoría é clara. A nai matou a filla en pleno uso das súas facultades. Houbo buscas de veleno anteriores, planificación de coartada, e o método que pensara para matar a nena non lle funcionou e acudiu a un plan b: estrangulala".

José Manuel Lago, avogado da acusación popular: "Cremos que actuaba con plena conciencia do que facía, e a pesar diso matou a súa filla". 

Pola súa parte, a defensa alega que a súa clienta non se encontraba en plenas facultades mentais no momento dos feitos.

Ademais dos familiares da pequena Desirée, ás portas da Audiencia tamén acudiu un grupo de achegados da vítima, que se concentrará todos os días que dure o xuízo, ata o 14 de febreiro, en sinal de apoio á súa familia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade