Sentida despedida da cultura e da política a Almudena Grandes
Sentida despedida da cultura e da política a Almudena Grandes
Sánchez no velorio de Almudena Grandes: "A súa achega intelectual fixo do noso pais un país mellor"
Familiares e amigos de Almudena Grandes despedirona este domingo no cemiterio da Paz, na localidade madrileña de Tres Cantos. A escritora madrileña faleceu o sábado, aos 61 anos, no seu domicilio de Madrid como consecuencia dun cancro que lle detectaron en setembro do ano pasado e que finalmente non puido superar. O pasado 10 de outubro anunciaba que padecía a doenza na súa columna habitual no diario El País.
Moitísimas foron as mostras de pesar e agarimo expresadas desde as redes sociais desde ámbitos como a cultura, o deporte ou a política nas que recoñecen o seu talento narrativo, personalidade e compromiso político.
Foise unha das máis relevantes escritoras da literatura española contemporánea, Premio Nacional de Narrativa en 2018, autora de novelas como "Las Edades de Lulú" (o seu primeiro grande éxito) ou "Malena es un nombre de tango", e de títulos da súa recoñecida serie "Episodios de una guerra interminable", entre outras grandes obras.
Esposa do poeta Luís García Montero, actual director do Instituto Cervantes, e loitadora comprometida co feminismo e a política de esquerdas, Almudena Grandes está recoñecida como unha das narradoras españolas máis consolidadas e con maior proxección internacional.
Premios e distincións
Nomeada en 2020 doutora honoris causa pola Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), está tamén en posesión dos premios Rosone d’ Or de Italia ao conxunto da súa obra (1997), o do sindicato de UXT, Julián Besteiro das Artes e as Letras (2002), o Internacional de Avogados de Atocha, concedido en 2017, ou o Premio Jean Monnet de Literatura Europea, en 2020 por "Os pacientes do doutor García".
"Atlas de geografía humana" (1998), "Los aires difíciles" (2002); "Castillos de Cartón" (2004) ou "El corazón helado" (2007) son títulos doutras grandes obras de Almudena Grandes. Apaixonada de Benito Pérez Galdós, decidiu en 2010 publicar "Inés y la alegría", o primeiro título de série "Episodios de una guerra interminable", que lle valeu numerosos premios e que finalmente non puido concluír. Almudena Grandes era unha gran seguidora do Atlético de Madrid.
Polo velorio da escritora no tanatorio de Tres Cantos en Madrid pasaron desde o Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, parte do goberno e representantes da esquerda ata amigos e artistas de diferentes ámbitos.