Feijóo recupera a Cayetana Álvarez de Toledo e Rafael Hernando para o Congreso coa dirección de Tellado

O presidente do partido convocou este xoves os deputados e senadores do PP para "facer fronte ao peor Goberno posible para España, por ser un Executivo reaccionario, débil, dividido e radical"

G24.gal 30/11/2023 19:13 Última actualización 30/11/2023 19:40

O líder do PP informou este xoves da nova composición do consello de dirección do Grupo Popular no Congreso. Alberto Núñez Feijóo recupera como portavoces adxuntos a Cayetana Álvarez de Toledo e Rafael Hernando, que foron portavoces parlamentarios na Cámara Baixa no pasado.

O presidente do partido convocou esta tarde os deputados e senadores do PP na sede nacional para empezar a reorganización parlamentaria da formación. 

O novo portavoz parlamentario do Partido Popular no Congreso, o galego Miguel Tellado, contará coa deputada alacantina Macarena Montesinos como secretaria xeral do Grupo Popular. Ademais, a deputada por Zaragoza Mar González Bela será a secretaria xeral adxunta, o deputado pola Coruña Álvaro Pérez será coordinador de comisións e o lucense Jaime de Olano será tesoureiro e portavoz adxunto.

Formarán parte do consello de dirección do Grupo Popular no Congreso como portavoces adxuntos os deputados Cayetana Álvarez de Toledo (Madrid), Bela Verán (Huelva), José Vicente Marí (Baleares), Sergio Sayas (Navarra), Pedro Muñoz Abrines (Madrid), Rafael Hernando (Almería) e Míriam Guardiola (Murcia).

Cayetana Álvarez de Toledo 

Álvarez de Toledo foi destituída en agosto de 2020 polo anterior presidente do PP Pablo Casado, quen designou no seu lugar a Cuca Gamarra como portavoz do PP no Congreso. Daquela a deputada cualificara de "erro" o seu cesamento e despedírase da portavocía do Grupo Popular deslizando críticas ao daquela secretario xeral Teodoro García Egea e con reproches a Pablo Casado. Feijóo contou con ela nas pasadas eleccións xerais do 23 de xullo, pero recolocouna na candidatura de Madrid.

Rafael Hernando

Ademais, Feijóo decidiu recuperar a Rafael Hernando, que foi portavoz do Grupo Popular no Congreso na última etapa do Goberno do PP, ata que Mariano Rajoy foi desaloxado de Moncloa pola moción de censura promovida por Pedro Sánchez. Na pasada lexislatura foi senador e ocupou un posto na Mesa do Senado.

O PP informou ademais da coordinación das distintas áreas do Consello de Dirección, que recae nos deputados e vicesecretarios do partido: Esteban González Pons, Juan Bravo, Borja Sémper, Elías Bendodo, Ester Muñoz, Noelia Núhan e Ana Alós. Fontes do PP sinalaron que o Consello de Dirección do Grupo Popular no Congreso, que preside Feijóo, "combina renovación e experiencia integrando dous exportavoces do Grupo Parlamentario na Cámara Baixa, como Cayetana Álvarez de Toledo e Rafael Hernando".

O PP subliñou que se trata dun momento en que "a vida parlamentaria terá total relevancia nunha lexislatura en que o primeiro partido de España realizará unha oposición responsable e seria fronte ao peor Goberno posible para España, por ser un Executivo reaccionario, débil, dividido e radical".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade