Feijóo afirma que Sánchez será un presidente dimitido e a amnistía, o seu punto final
Feijóo afirma que Sánchez será un presidente dimitido e a amnistía, o seu punto final
Illa cre que non é o momento de personalismos e pide responsabilidade
O PNV cre que haberá acordo para a investidura no último minuto
O presidente do Partido Popular afirma que a amnistía aos encausados polo procés será o final de Pedro Sánchez. Alberto Núñez Feijóo cre que o candidato conseguirá a investidura pero será un presidente dimitido e reclama a repetición electoral.
A voceira de Podemos, Isa Serra, asegura que están á espera de que o PSOE responda ás súas peticións para que os seus cinco deputados voten a investidura de Pedro Sánchez.
A formación morada quere reforzar os servizos públicos, derrogar a lei mordaza e reducir a xornada laboral, unha medida na que coinciden con Sumar.
"Esperamos que se teñan en conta para a conformación dun Goberno estable pero tamén duradeiro e valente".
O presidente do PNV, Andoni Ortuzar, considera que as negociacións son moi complicadas e que o acordo chegará no último minuto.
"Non queremos tensionar a política española, que xa o está bastante, pero pensamos que chegou o momento de falar da cuestión nacional vasca e catalá, e da galega se os galegos maioritariamente así o deciden".
De momento, non se coñece o contido das negociacións nin a data do debate de investidura, aínda que todo apunta a que pode ser a principios de novembro. O líder dos socialista cataláns, Salvador Illa, opina que estamos diante dunha oportunidade excepcional.
"Non é momento de personalismos, é momento de responsabilidade, non é momento de partidismos, é momento de política con maiúsculas".
O presidente do Partido Popular cre que Pedro Sánchez será un presidente dimitido por non defender a igualdade dos españois e asegura que a amnistía será o seu final.
"Eu digo que o punto de partida do independentismo será o punto final de Pedro Sánchez, podo aseguralo, a historia xulgarao e as urnas tamén, e ese será o seu punto final".